Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a tres anos e catro meses de cárcere un pai da Coruña por maltratar os seus fillos de 5 e 9 anos

Condenado a tres anos e catro meses de cárcere un pai da Coruña por maltratar os seus fillos de 5 e 9 anos

Ademais de "violencia física e psíquica continua", a sentenza salienta que o proxenitor non lles proporcionaba unha "hixiene mínima" e que  vivenda carecía de condicións de habitabilidade

Vista exterior dos Xulgados da Coruña (Arquivo TVG) Vista exterior dos Xulgados da Coruña (Arquivo TVG)
G24.gal 10/11/2025 12:30

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou a tres anos e catro meses de cárcere a un pai por maltratar de forma continuada aos seus dous fillos menores de idade durante as fin de semana en que convivían con el.

O xuíz considerouno autor de dous delitos de malos tratos domésticos, dous delitos continuados de malos tratos habituais, un delito de malos tratos habituais no domicilio común e un delito de incumprimento dos deberes legais de asistencia. Así, tamén lle impuxo 40 días de localización permanente, 11 anos e medio de prohibición de aproximarse ou comunicarse cos menores, a privación da patria potestade durante nove anos e o pago dunha indemnización de 12.000 euros.

Na sentenza, o xuíz indica que o acusado exerceu sobre os seus fillos "violencia física e psíquica continua", a través de "agresións, insultos e condutas vexatorias", chegando a obrigar ao menor para tragarse o seu vómito e a encerrar á súa filla nunha habitación ás escuras. O titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña entende probado que o domicilio onde pernoitaban as vítimas "non tiña as condicións mínimas de habitabilidade, hixiene e seguridade", así como que o acusado "non fornecía ao seu fillo o tratamento médico que tiña pautado", nin alimentaba aos menores "na debida forma".

O maxistrado tamén afirma que "non lles proporcionaba a hixiene mínima necesaria", o que provocou que chegasen a ter "o corpo cheo de picaduras de pulgas e insectos pola falta de salubridade da vivenda". Os feitos ocorreron entre 2019, cando as vítimas tiñan 9 e 5 anos, e 2021. Segundo o fallo, as condutas do sospeitoso eran "continuas ante calquera comportamento que non lle gustase dos menores".

De feito, o seu fillo golpeábao "na cara, nas pernas ou no cu". Ademais, segundo consta no fallo, insultábaos "de maneira frecuente". O titular do Xulgado do Penal número 3 da Coruña considera plenamente cribles os testemuños dos menores, pois subliña que "non se atopan razóns polas que quixesen mentir". Ademais, destaca que os informes psicolóxicos acreditan o malestar emocional e os síntomas compatibles con situacións de malos tratos.

Na sentenza afirma que o informe da traballadora social e as fotografías achegadas poñen de manifesto que "as condicións da casa eran inadecuadas para o coidado duns nenos". O maxistrado, que descarta a existencia de dilacións indebidas, sinala que aínda que o acusado, no seu lexítimo dereito de autodefensa, nega os feitos, o conxunto da proba de cargo "desménteo de maneira contundente". A pesar de todo, a sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade