Publicador de contidos

Publicador de contidos

Competencia reparte culpas e expedientes sancionadores polo apagamento xeral

Competencia reparte culpas e expedientes sancionadores polo apagamento xeral

A CNMC di que estes expedientes "non implican a atribución da orixe ou causa do apagamento ás empresas afectadas", xa que a causa é "multifactorial"

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
G24.gal 17/04/2026 09:51 Última actualización 17/04/2026 10:42

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) anunciou este venres a incoación de varios expedientes sancionadores por "indicios de infracción" no marco das súas investigacións sobre o apagamento do 28 de abril de 2025.

Competencia conclúe que o incidente tivo unha orixe multifactorial tras unha serie temporal de sucesos que desequilibraron o sistema, e polo tanto ademais de repartir a responsabilidade, tamén reparte as posibles sancións.

O organismo recorda que tras o apagamento iniciou varios expedientes informativos e que como resultado das investigacións detectou "diversos indicios de incumprimento, algúns mantidos durante períodos prolongados de tempo, que afectarían ao funcionamento do sistema eléctrico e poderían ser constitutivos de infraccións administrativas".

Deste xeito a CNMC comunica que iniciou un proceso para investigar formalmente eses indicios, o que "non implica a atribución da orixe ou causa do apagamento ás empresas afectadas, dado que o incidente respondeu a unha orixe multifactorial".

"A incoación destes expedientes non prexulga o resultado final da investigación", subliña Competencia, e, en todo caso, os interesados poderán formular alegacións e propoñer a realización das probas que estimen necesarias.

Estes procedementos teñen unha duración máxima que varia dos 9 aos 18 meses en función da gravidade da posible sanción.

Fontes do sector indicaron a Europa Press que a incoacción destes expedientes sancionadores por indicios de infracción foi xa notificado a todos os afectados, estando así incluído gran parte do sector.

Recomendacións da CNMC 

Hai menos dun mes, a propia Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia aprobaba o seu informe de recomendacións tras o apagamento eléctrico de abril de 2025 e reclamaba medidas para mitigar os cambios "bruscos" de tensión e reforzar a coordinación entre os xestores de rede e a visibilidade das súas redes.

A CNMC entende que no momento do incidente o sistema dispoñía de ferramentas normativas e regulatorias, así como de mecanismos para garantir a subministración, segundo apuntaba.

Recentemente, tanto o PP como o PSOE presentaron conclusións enfrontadas no marco da comisión do Senado que investiga o grande apagamento, xa que mentres que os populares apuntan directamente ao Goberno de Pedro Sánchez, os socialistas estiman que "non houbo responsabilidade política ningunha" no incidente.

Os populares, promotores desta comisión, sosteñen que o Goberno, a través do ministerio, "incorreu en responsabilidade supervisora por incumprimento da súa función de tutela sobre o operador eléctrico", e denuncian que Rede Eléctrica cometeu unha "omisión antixurídica das súas obrigacións de garantía da subministración". Tamén advirten da "responsabilidade regulatoria" da CNMC por "funcionamento anormal do servizo público".

Pola súa banda, os socialistas, en liña co informe do comité que liderou o Ministerio para a Transición Ecolóxica, recalcan que o incidente foi un fenómeno "multifactorial, dinámico e de natureza sistémica" nun sistema que, en termos xenerais, é "robusto, fiable e aliñado cos estándares europeos".

Ademais, o informe final da Rede Europea de Xestores de Redes de Transporte de Electricidade (ENTSO-E) sobre o apagamento do 28 de abril de 2025 en España e Portugal conclúe que as enerxías renovables non foron a causa única do colapso eléctrico, pero si identifica limitacións que obrigan a revisar a súa integración no sistema.

"Non é sobre renovables, senón sobre control de voltaxe", resumiu o presidente de ENTSO-E, Damián Cortinas. O problema non residiu no seu volume, senón no seu comportamento ante perturbacións de tensión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade