Normalidade e moita asistencia no primeiro día de vacinación dos pequenos en Galicia
Os proxenitores poderán levar xa o consentimento informado asinado
As ganas de vacinarse e o ambiente festivo impuxéronse sobre os nervios
Máis paciencia no proceso porque os nenos reaccionan diferente ca os adultos
A Xunta chama a vacinar os nenos e confía nunha alta participación
Chegou por fin a quenda dos netos, incluso os bisnetos, daqueles avós que hai agora un ano se convertían nas primeiras persoas vacinadas contra a covid–19 en Galicia. A campaña arrancou con 15.000 convocados entre once e nove anos. Había ganas e desde primeira hora da tarde milleiros de nenos facían colas cos seus pais para recibir a primeira dose.
"O meu neno está contento, non sentiu dor e agora está súper ben", asegura un pai no exterior do IFEVI. Con esa opinión concorda a maioría dos pais. Outros aseguran que é un alivio, máis agora coa aparición da variante ómicron. Din que ter os fillos vacinados é unha tranquilidade.
E para axudar a calmar os nervios, os grandes centros de vacinación adaptaron decorado con globos, mascotas e mesmo superheroes e superheroínas.
"Intentamos facelo algo máis agradable para que os que veñan a vacinarse se sintan mellor. Pero quero insistir na mensaxe de animar os nenos a que acudan a vacinarse e a que lles digan aos pais que queren vir", dicía Luis Verdes, xerente da área sanitaria da Coruña e Cee.
A primeira das catro xornadas de vacinación dos máis pequechos desenvolveuse con normalidade e sen incidencias destacables. "Absoluta normalidade. Os nenos veñen acompañados polo pai, pola nai ou polos dous, pero no recinto só pode entrar un dos proxenitores. Non pasou nada salientable en toda a xornada, nada que non fora previsible", contaba Mar de la Peña, subdirectora de enfermería da área de Vigo
"O proceso é igual que cos maiores. Temos máis paciencia porque os nenos reaccionan diferente que as persoas maiores e temos que ter máis coidado con eles", aseguraba de la Peña.
A franxa dos nenos de cinco a once anos para a que agora comeza a vacinación é a que ten a maior incidencia da covid–19. E iso nótase no parte semanal dos centros escolares. Xa hai preto de 2.600 casos activos, que manteñen pechadas 214 aulas en Galicia.
A segunda dose, dentro de oito semanas
A segunda dose chegará oito semanas despois da primeira. Coa inmunización dos nenos preténdese frear os contaxios. É precisamente na faixa de idade dos menores de once onde agora se dan as incidencias máis altas de covid–19, case o dobre da media.
As autoridades sanitarias lembran que a vacina pediátrica é segura, eficaz e conveniente para os rapaces. Está avalada por todos os organismos científicos internacionais e, ademais, foi probada xa en máis de seis millóns de nenos, vacinados xa en países como os EUA ou Israel, sen que se describise nin un só efecto adverso grave.