Comeza a vacinación coa terceira dose ao grupo de 30 a 39 anos
Prevese vacinar uns 182.000 galegos desa franxa de idade
Galicia comeza a administrar este mércores a terceira dose da vacina contra o coronavirus ao grupo de 30 a 39 anos.
Hai máis de 300.000 galegos nesta franxa de idade, que participaron activamente na campaña de vacinación. De feito, máis dun 86% teñen xa a pauta completa e están sendo chamados agora para reforzar a inmunidade.
Calcúlase que a administración das doses de reforzo a este grupo de idade estará rematada o próximo luns.
"A verdade é que están acudindo en masa e temos unha alta porcentaxe de asistencia. E vai tamén fluído, porque as terceiras doses leva menos tempo administralas e a verdade é que estamos agradecidos da cantidade de xente que está a vir", explica Alexandre Baña, enfermeiro coordinador da Cidade da Cultura.
Ao mesmo tempo que reciben os de entre 30 e 40 anos, os recintos de vacinación seguen abertos tamén para todos os que por calquera razón están pendentes de completar as pautas.
Un a un van sumando e Galicia achégase ao 95% en doses de reforzo para maiores de 60. Supera o 90% no grupo de entre 50 e 59 anos e o 80% en maiores nos de entre 40 e 49.
A Consellería de Sanidade empezou a citar os mozos de 20 a 29 anos para recibir a terceira dose da vacina contra o coronavirus. O proceso de inmunización para esta franxa de idade comezará o vindeiro luns 24 e estenderase ao longo da semana.