Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza a vacinación contra o coronavirus dos nenos de entre 7 e 9 anos

Comeza a vacinación contra o coronavirus dos nenos de entre 7 e 9 anos

O Sergas empezará a administrar 36.271 doses contra o coronavirus

O mércores só se vacinará pola mañá, por ser a véspera do Día de Reis

G24.gal 04/01/2022 07:56

Galicia retoma este martes a vacinación contra a covid-19 da poboación pediátrica en horario de mañá e tarde, que seguirá este mércores 5 en xornada matutina, coa administración de máis de 36.000 doses a menores de 7 a 9 anos.  

Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, este martes día 4 de xaneiro o Sergas empezará a administrar 36.271 doses contra o coronavirus á poboación con idades entre os sete e nove anos.  

O proceso de inmunización da poboación de 5 a 11 anos retómase despois de recibir Galicia unha nova partida de vacinas. Sanidade destacou que con esta remesa, chegarase a inmunizar aos menores nados ata mediados do ano 2014, "variando o último mes de citación segundo as diferentes áreas sanitarias", puntualizou a Xunta. 

Áreas sanitarias

Na área sanitaria de Vigo vacinarase a 8.280 menores desa franxa de idade; a 7.920 na da Coruña e Cee; a 6.120 na de Santiago e Barbanza; a 4.320 na de Pontevedra e O Salnés; a 3.960 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; a 3.512 na de Ourense, Verín e O Barco; e a 2.159 na de Ferrol.  

Segundo a información facilitada por áreas sanitarias, na da Coruña e Cee este martes están citados uns 5.000 nenos de 7 a 11 anos en Ifeco de 9:00 a 20:00 horas, mentres que no Hospital de Cee hai 350 menores convocados de 15:00 a 19:00 horas.  

Na área de Vigo, este martes están citados uns 5.520 nenos de sete a nove anos no recinto feiral do Ifevi en xornada de mañá e tarde, mentres que na de Santiago e A Barbanza foron convocados 3.600 na Cidade da Cultura e 480 no hospital da Barbanza.  

Na área de Ourense, este 4 de xaneiro están citados de 9:00 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas uns 2.000 nenos en Expourense; 300 no Hospital Comarcal de Valdeorras no Barco e outros 300 no de Verín.  

En canto á área de Pontevedra e O Salnés, está previsto administrar en xornada de mañá e tarde unhas 2.160 doses este martes no edificio administrativo da Xunta en Campolongo e unhas 720 no Hospital do Salnés a nenos de sete a nove anos.  

Por parte da área de Ferrol indicaron que de 9:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas está prevista a vacinación de menores no recinto de FIMO con entre oito e 11 equipos de vacinación segundo a xornada.

O mércores só se vacinará pola mañá, por ser a véspera do Día de Reis. Sanidade indicou que se continuará coa citación de menores en idade pediátrica durante os "próximos días de acordo a chegada de vacinas prevista".  A Xunta ten previsto recibir outras 36.000 doses o día 10 de xaneiro para inocular a menores os días 11 e 12 deste mes, segundo avanzou a semana pasada o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo. 

A idea é que cando as clases comecen, o 85% dos nenos galegos maiores de 5 anos teñan xa a primeira dose.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar