Colisión múltiple na autovía A-54 con catro vehículos implicados
A condutora dun turismo quedou ferida no accidente
Un total de catro vehículos víronse implicados nun choque múltiple rexistrado na autovía A-54, entre Lugo e Santiago. O accidente tivo lugar no quilómetro 36, sentido descendente, á altura de Palas de Rei.
Rematou coa condutora dun turismo ferida, que tivo que ser trasladada nunha ambulancia ao hospital Lucus Augusti. Pola súa parte, os ocupantes doutros dous coches e mais dun furgón saíron ilesos.
Javier Morandeira, Protección Civil de Palas de Rei: "Chamáronnos do 112 sobre as oito e dez da mañá, chegamos aquí e xa vimos que había catro vehículos implicados. Afortunadamente, só había unha persoa que se queixaba un pouco, ferida leve".
Ademais dos efectivos de Protección Civil de Palas de Rei, ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Garda Civil de Tráfico. Unha primeira colisión por alcance parece ser a causa do sinistro.
Como resultado deste accidente, un dos carrís da autovía permaneceu cortado ao tráfico durante varias horas.