Moitas vilas galegas celebran este xoves a festa dos maios, pendentes do ceo
Pontevedra e Verín, por exemplo, organizan os desfiles e concurso de coplas o día 1 de maio
En Ourense a festa será o primeiro domingo do mes
Moi pendentes do ceo estarán mañá en moitas vilas galegas. Celébrase a festa dos maios. Nalgunhas terá lugar o primeiro domingo do mes, pero noutras xa se aproveita o día festivo.
En baixos, alpendres e locais trabállase arreo nas horas previas ao desfile dos maios. Aquí aquelan musgos e xestas para darlle forma ao que será unha tarta de aniversario.
"Empregamos musgo que teño eu nunha leira miña, xestas e outras plantas que collemos onte no monte. Faremos unha tarta de tres pisos, e arriba poremos o número 10", sinala José Ramón Pérez, membro da asociación cultural e banda de gaitas Nova Era de Verín.
Son membros dunha asociación cultural con banda de gaitas que presentarán a súa figura no desfile na alameda de Verín. Un xeito de manter a tradición entre a mocidade.
"Hai dous anos que un compañeiro noso, o director da banda, Dani, fixo a tese doutoral sobre os maios en Verín e dende entón seguimos a facelo, porque nos gusta", comenta Álvaro Rúa, gaiteiro integrante da banda.
Contan co asesoramento de Tina, boa coñecedora da riqueza floral da contorna, básica para a elaboración dos maios.
"Eles tamén as coñecen, pero pídenme a min que os leve para saber onde están. Este ano, por causa do tempo, aínda non están moi floreadas", sinala Tina Manso, que axuda na confección do maio.
Non é un maio completo sen as coplas, rimas cantadas que os participantes compoñen con toda intención.
"Facémolas cun pouco de retranca e de sorna, sobre as cousas que pasan durante o ano na vila", di Álvaro.
Serán flores dun día, pero agardase que a chuvia escampe para que luzan con toda a cor que a natureza lles deu.