Colas nas estacións de autobuses pola cancelacións de liñas de tren
O reforzo nas liñas de bus apenas logra suplir o exceso de demanda
Longas colas para conseguir billetes nas estacións de Santiago ou Vigo
Grandes colas para conseguir un billete a Vigo, Vilagarcía ou Ourense desde a estación de autobuses de Santiago. É venres e os estudantes, tamén os que tiñan billete de tren, queren volver á casa.
"Ía para Vigo e canceláronnolo. Mandáronnos un correo eléctrónico xa onte. Temos que coller un billete de bus e xa ves a cola", explica un mozo. "Son de Vilagarcía e tiña que coller o tren e non existen eses trens. Teño que coller o bus e rezar a ver se hai", laiase unha rapaza que finalmente conseguiu o ansiado billete.
Todo un contratempo tamén para outros viaxeiros. Un usuario do bono de tren entre Vilagarcía e Santiago esperaba poder subir a un autobús. Lamenta que a única alternativa sexa pagar por un billete cando podía ir no tren gratis: E pide que se solucione canto antes, xa non por xente como el que colle o tren esporadicamente senon polos estudantes e traballadores que o precisan a diario para ir a clase ou ao traballo.
Moitos non souberon ata chegar á estación se terían billete porque a cancelación de trens chegou a colapsar a páxina web da maior concesionaria de transporte por estrada.
"En principio puxeron reforzos, ou sexa que parece que poderemos ir", respira tranquilo un estudante tras pasar polo servizo de información.
Un exemplo de ese reforzo. de cada traxecto a Vigo desde Santiago saían durante a tarde do venres tres autobuses no canto dun. Aínda así non daban resolto toda a demanda provocada pola suspensión dos trens.