Claves para aforrar na factura na feira enerxética de Galicia
Enerxétika 2022 celébrase estes días en Silleda
Apagamos correctamente os electrodomésticos para recortar gastos? Manuel Díaz, responsable de comunicación de Sotavento Galicia lémbranos que "temos na casa moitos electrodomésticos que teñen consumos ocultos ou en espera, como os televisores ou as vitrocerámicas, que aínda que non esteamos cociñando seguen consumindo só polo feito de estar enchufadas".
Para abaratar o recibo tamén podemos investir nunhas innovadoras persianas que aproveitan a luz do sol. Sergi Alexandrovich, 'manager' de Prana Smart explica que "funcionan como placas fotovoltaicas normais pero introducidas na persiana, así temos -di- protección solar a ao tempo producimos electricidade".
Aforrar enerxía e reducir as emisións á atmosfera son uns dos retos das explotacións gandeiras. Substituír as calefaccións de gas por biomasa é unha das claves para conseguilo. En Galicia hai tres explotacións porcinas nas que xa se implementou o sistema.
Os modelos máis innovadores de coches eléctricos e híbridos están tamén presentes na feira galega da enerxía. Un foro que quere dar a coñecer o potencial de Galicia en materia enerxética.
O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, agarda que o salón sirva "de escaparate do esforzo que está facendo Galicia para poder desenvolver unha Galicia máis verde e que poda ter máis futuro vinculado ás enerxías renovables".