Publicador de contidos

Publicador de contidos

Charlie Uzal, sobre o caso Mencía: “Creo que o club mellor non o puido facer”

Charlie Uzal, sobre o caso Mencía: “Creo que o club mellor non o puido facer”

O director deportivo falou na presentación do montenegrino Dino Radoncic, o elixido para substituír a Mencía no equipo dirixido por Carles Marco

G24.gal 27/10/2025 15:15 Última actualización 27/10/2025 15:22

O director deportivo do Básquet Coruña, Charlie Uzal, destacou este luns a “rapidez” coa que o seu club resolveu a situación contractual do cubano Yoanki Mencía, a quen lle rescindiu o contrato despois de que recoñecese cometer un dos dous delitos de violencia de xénero dos que lle acusaba o seu exparella.

“Tentamos levalo o mellor posible, facendo as cousas con calma, con paciencia e, sobre todo, con coherencia. Creo que o club mellor non o puido facer”, afirmou durante a presentación do montenegrino Dino Radoncic, o elixido para substituír a Mencía no equipo dirixido por Carles Marco.

“En canto o soubemos apartouse o xogador do equipo. E logo estudamos a situación e tomamos a medida que todos sabedes. Creo que reaccionamos rápido desde o primeiro momento. As cousas hai que facelas con calma e estudar ben as situacións porque non podemos precipitarnos, non só neste caso, senón en todos”, explicou.

Tras vivir o caso do xogador cubano, Uzal afirmou que o Básquet Coruña tentará a partir de agora “blindarse máis” a nivel contractual para evitar novos casos así no futuro, aínda que dixo que “non é fácil protexerse”.

“Cremos que actuamos ben e rápido, pero non é unha situación fácil en calquera tipo de traballo. Os que saben disto son os xuristas, así que eles son os que teñen que aconsellarnos para deixar máis blindados os contratos”, incidiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade