Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chandrexa de Queixa comeza a desconxelar as cifras árticas de densidade de poboación

Chandrexa de Queixa comeza a desconxelar as cifras árticas de densidade de poboación

Os últimos datos estatísticos reportan unha pequena remonta demográfica neste concello e no de Vilariño e Conso, a zona cero do despoboamento en Galicia

G24.gal 10/02/2023 13:57

A densidade de poboación en Chandrexa é das máis baixas de Europa: 2,8 habitantes por quilómetro cadrado. É similar á das zonas árticas de Suecia e Finlandia. Aquí vai frío, pero non tanto. Hai unha temperatura media de 10 graos, unha altitude de 1.000 metros e moita riqueza natural.

Foi a escaseza de oportunidades laborais e a falta de algúns servizos os fixeron que Chandrexa dividira por sete a súa poboación desde mediados do século pasado (de 3.300 a pouco máis de 400 habitantes). Ata agora en que, por fin, o censo volve recuperarse.

Como un reflexo que leva o nome dun dos lugares anegados polo encoro nos anos 50, Cardiego, o restaurante, rexéntao desde hai anos Chabeli, unha queixalá militante e entusiasta, afeita a convencer os cada vez máis numerosos turistas que visitan o seu negocio nas fins de semana. 

"É un privilexio vivir en Chandrexa, aquí temos praia e temos serra, como digo eu temos de todo. Temos o encoro que o explotamos para o baño cunha calidade excelente, no verán alugamos caiacs. Estou convencidísima de que cada vez isto será continuidade de máis casas de turismo rural, de negocios de hostalería. A xente nova vai vindo aos poucos para incorporarse en explotacións gandeiras", explica Isabel Fernández.

O son das chocas fai eco. Nos últimos sete anos naceron aquí 15 explotacións de vacún. Unha delas é a de Lucía. Enxeñeira agrónoma de formación, que desde sempre tivo claro que o seu paso pola cidade ía ser circunstancial, porque a súa vida está a carón das montañas que a viron nacer.

"O colexio máis próximo está na Pobra de Trives, a 15 minutos. Temos eses servizos, o que pasa é que ao mellor como non están no propio núcleo consideramos que están máis lonxe, pero nunha cidade tamén tes que pasar ese tempo, polo tráfico, os semáforos. Se nós seguimos aquí é porque é posible. Nós valémonos moito das redes e de Internet. Conseguimos estando aquí que moita xente de Madrid ou Santiago poia adquirir o noso produto", argumenta Lucía Martínez, da Gandería Galupa de Bozqueimado. 

"Chandrexa ten 171 quilómetros cadrados e temos 500 veciños ou sexa que claro que daría moito máis de si. Eu creo que o bo sería chegar a eses anos en que tivemos 4.000 cabezas de vacún e 12.000 de ovino e caprino", relata o alcalde, Francisco Rodríguez.

No concello preparan casas para turismo e para alugueiros a bo prezo aos que se decidan a residir. Mentres a pirámide demográfica dá a sorpresa polo cumio, coa apertura dunha residencia que chamou a atención pola súa baixísima afectación a comezos da pandemia. 70 prazas e 35 postos de traballo notáronse no censo.

"Casei e teño unha nena e hai tres anos iniciamos este proxecto da residencia de maiores. A maior parte deles veñen de Vigo, de Pontevedra, da Coruña, porque é unha residencia de nova apertura cunhas instalacións extraordinarias", di Romina Sotelo, directora da residencia de maiores de Chandrexa

 "A xente é moi xeitosa e as mozas trátannos ben. Estamos contentos, o que pasa é que é un pouco lonxe e cada vez que vou a Ourense gasto 100 euros de taxi", comenta un dos residentes actuais, Albino Fernández.

Mellorar as comunicacións é unha das principais demandas da resistencia rural. Homes e mulleres fortes que seguen aí entoando un "depende" cando se lles pregunta polo futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos