Centos de persoas protestan na Gudiña pola supresión de paradas do AVE Madrid-Galicia
Os concellos do surleste de Ourense únense para esixir a restitución dos servizos
Críticas ao alcalde de Vigo porque a supresión deixa o Ave Madrid-Vigo en 3 horas e 50 minutos
Centos de persoas manifestáronse este mediodía na estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia para protestaren pola supresión de varias paradas diarias en Sanabria do AVE Madrid-Galicia.
Na protesta participaron alcaldes, deputados como a ourensá Ana Vázquez e o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor.
Cos novos horarios que entrarán en vigor o 9 de xuño, Renfe elimina tres das nove frecuencias actuais. Pasan de cinco a tres desde A Gudiña a Madrid, e de catro a tres para volver de Madrid á Gudiña.
Isto supón perder o primeiro tren que permitía chegar a Madrid ás 10:30 e volver ás 18:00 horas
"No Barco de Valdeorras estamos a 70 quilómetros e esta miña filla traballa en Madrid e é o único medio que ten para viaxar".
"Teño fillos e netos e van precisalo moito, que están estudando en Salamanca".
"E os portugueses da raia é aquí onde vimos coller o tren".
A eliminación destas paradas deixará o tempo de viaxe do AVE VIGO-MADRID en tres horas e 50 minutos. O alcalde da Gudiña reclama diálogo e que polo menos se manteña un dos dous trens da mañá.
"Non é xusto para que a viaxe a Vigo dure menos, os do medio tamén contamos", di Néstor Ogando.
"Se queremos defender o rural temos que defender este tipo de servizos", di a tenente de alcalde de Viana do Bolo.
"Que se repoña un dereito que temos adquirido e non que se condene unha vez máis á España baleirada polo capricho dun alcalde que quere que o AVE chegue dez minutos antes á súa cidade e condene ao resto de Galicia e o noroeste de España a un atraso inxustificado", conclúe Luis Menor.