Carlos Crespo recomenda tres novidades musicais galegas no 'ZigZag'
Uxía e Silvio Rodríguez, Exeria ou Silee, entre as novidades desta semana
Tanto Uxía como Silvio Rodríguez eran amigos de Begoña Caamaño, a escritora e xornalista á que este ano se lle dedicou o Día das Letras. Uxía, sabedora desa amizade, forxada nas moitas viaxes que Begoña fixo a Cuba, convidou a Silvio Rodríguez a que cantara con ela unha nova versión de O teu nome é bandeira, unha canción que Uxía xa incluíra en Indómitas.
Novo sinxelo dos ponteareáns Exeria, banda referencial como poucas do rock alternativo cantado en galego. A canción titúlase Demasiado gris e é o primeiro adianto do seu novo disco. Un disco que xa están presentando como o máis ambicioso da súa carreira.
Silee é un rapaz de 27 anos de Bueu, que ademais de compoñer as súas letras é o produtor de todos os seus temas, el é tamén o que fai os arranxos e a masterización, o realizador dos seus vídeos e ata as ilustracións das portadas. Na de Juan é unha bachatiña molona con sutís bases electrónicas e un certo aroma a torreiro.