Campaña gratuíta nas farmacias da provincia de Ourense para medir os niveis de glicemia

Na campaña, que durará ata o 30 de novembro, participan corenta farmacias 

G24.gal 20/11/2023 21:21 Última actualización 20/11/2023 21:34

Unha campaña do Colexio de Farmacéuticos de Ourense e a Asociación Diabética Auria dálles a oportunidade aos ourensáns de toda a provincia de comprobaren de xeito gratuíto os seus niveis de glicemia. O obxectivo é que saian á luz os casos que non se coñecen e ao mesmo tempo controlar aqueles pacientes que saben da súa doenza. 

Damián leva tempo seguindo os consellos do seu médico para controlar os niveis de glicemia e di sentirse moito mellor. Normalmente, compróbaos na casa, pero hoxe faino tamén na súa farmacia. 

"Primeiro apertas ben contra o dedo e logo apertas o botón, e agora collemos esta gotiña. En cinco segundos dá o resultado: 142".

El é unha das moitas persoas que estes días están a participar na campaña. 

"Hai moita xente que non sabe que ten o problema que ten; que non teñan medo ningún, que non teñen a culpa de que teñamos eses problemas. O remedio está nas nosas mans: facer o que nos mandan e nada máis".

A campaña está dirixida principalmente a dous grupos de poboación: a que non sabe que pode ter alteracións na glicemia e aqueles que as teñen e queren controlalas. Ademais explican os factores de risco e como diminuílos.

"Se ti tomas unha medida cando estás a tempo, como aumentar o consumo de froitas e verduras, camiñar un pouquiño máis… en vez de despois ter que estar controlando a glicosa con picadas e poñendo insulina, é unha medida que tomas cinco ou seis anos antes e moito máis sinxela de tomar", explica o farmacéutico Fernando Gil.

A proba inclúe ademais das medicións de glicemia, a do perímetro abdominal, tensión, peso e altura. Na campaña participan corenta farmacias de toda a provincia de Ourense, comezou o pasado día 14 e prolóngase ata o próximo 30 de novembro. A proba dura apenas uns minutos e é totalmente gratuíta. A quen se lle detecta algún valor alterado explícanselle os riscos e derívase ao médico, que será quen decida a gravidade dos síntomas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos