Campaña de vacinación contra a gripe nos hospitais para menores de cinco anos
Campaña de vacinación contra a gripe nos hospitais para menores de cinco anos
As familias poderán acudir aos centros de referencia esta fin de semana en horario de mañá e tarde
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, vai vacinar esta fin de semana fronte á gripe á poboación menor de cinco anos que aínda non estea inmunizada nos 14 hospitais de Galicia.
Sanidade enviaralle ás familias unha SMS informativa cun tramo de hora no que poden acudir aos centros sanitarios. Segundo o Goberno galego, trátase dunha medida máis para "facilitar a conciliación á vez que se potencia a vacinación".
Nos sete hospitais principais, o horario é de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00, tanto o sábado coma o domingo. Nos sete comarcais, o servizo só estará operativo o sábado.
Importancia da vacinación
A Consellería de Sanidade lembra a importancia da vacinación antigripal infantil para evitar complicacións graves derivadas da enfermidade.
A poboación infantil, explica, presenta un número moi elevado de infeccións por gripe e, de feito estímase que en España triplica o das persoas maiores de 65 anos e con taxas de hospitalización similares.
Os datos da campaña de vacinación antigripal do pasado ano amosan, segundo o Sergas, que resulta efectiva para evitar arredor do 70 % das hospitalizacións pediátricas causadas por esta infección.