Calvo advirte de que o AVE con Portugal podería atrasarse ata 2034
Calvo advirte de que o AVE con Portugal podería atrasarse ata 2034
O conselleiro da Presidencia advirte no Bos días que se están atrasando os prazos para conectar Galicia e Portugal por alta velocidade
O mércores a Xunta reunirá en Vigo representantes "da sociedade civil" para demandar ao Goberno central que "tome en serio" a conexión co país veciño
Transportes di que o AVE Vigo-Porto estará en 2030 se o Goberno portugués "acompaña"
O conselleiro da Presidencia advirte no Bos días de que o se están "atrasando os prazos" para conectar Galicia e Portugal a través da alta velocidade ferroviaria. Diego Calvo lembra que no último cumio hispano luso, o presidente do Goberno "priorizaba a conexión con Madrid e deixaba aparcada a conexión con Vigo".
Nunha entrevista no Bos días Calvo indicou que "tal e como vai (o proxecto) a día de hoxe non é que non cheguemos no 2032 como dixeron, senón que chegaremos no 34 ou sabe Deus cando".
Para evitalo, a Xunta pretende reunir a sociedade civil este mércores en Vigo co obxectivo de pedirlle ao Goberno central "que tome en serio a conexión con Portugal" e se "cumpran os prazos para poder chegar a tempo".
Calvo critica ademais a falta de investimentos para o Corredor Atlántico de mercadorías. Asegura que nas últimas convocatorias de fondos non se presentou ningunha obra que teña que ver co corredor Atlántico pero si co Mediterráneo: "Non entendemos por que non se queren incluír obras cando hai financiamento para levalas a cabo", asegura.
O conselleiro da Presidencia explica que "houbo unha conversa hai dúas semanas co comisionado; díxonos que non nos preocupásemos, pero seguimos sen ter información do plan director do Corredor Atlántico".
En clave de política nacional, o titular de Presidencia do Goberno galego referiuse aos casos de corrupción que salpican o presidente do Goberno. Segundo dixo, "en calquera país europeo acabaría coa convocatoria de eleccións".
Calvo critica que no congreso de Sevilla do PSOE desta fin de semana "non houbo debates, enxalzouse o presidente do Goberno, atacouse os xuíces e produciuse unha purga" entre aqueles socialistas críticos con Sánchez.
A xuízo de Calvo, "o preocupante é que a deriva que temos está afectando a clase política en xeral".