Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan unha moza de Carballo desaparecida desde o sábado

Buscan unha moza de Carballo desaparecida desde o sábado

Esta mañá a Garda Civil e Protección Civil, coa axuda do servizo de drons de Axega, retomaban a busca da rapaza iniciada onte 

A moza ten 25 anos, é morena, estatura baixa (1,51m) e de complexión delgada

G24.gal 16/05/2022 14:57 Última actualización 16/05/2022 15:43

Segue a busca da moza de 25 anos desaparecida na localidade coruñesa de Carballo desde a tarde do sábado. Esta mesma mañá retomábase o dispositivo coordinado pola Garda Civil e na que incorporan tamén drons de Axencia Galega de Emerxencias para dar coa rapaza.

Palmo a palmo e recuncho a recuncho está a rastrexar unha zona de monte da parroquia de Bértoa, desde onte, o dispositivo de busca de Galia. Esta mesma mañá, arredor das once, retomábase o dispositivo coordinado pola Garda Civil.

"Unhas coordenadas de busca partindo da casa, onde foi vista por última vez, con batidas de voluntarios de Protección Civil e bombeiros", explica José Luis Barca, presidente da Agrupación Protección Civil de Carballo. 

Preto dunha trintena de voluntarios, entre familiares e amigos da moza desaparecida, xunto con cinco patrullas da Garda Civil da compañía de Carballo e Protección Civil están a realizar a busca polas zonas arboradas para dar co seu paradoiro. Tamén forman parte do dispositivo "o servizo de drons de Axega e incorporaremos cans de rescate para abrir o abano pouco a pouco para abarcar a maior extensión de terreo posible", engade José Luis Barca.  

Amais dos drons, na busca por aire a media mañá incorporaron tamén un helicóptero. Galia, natural do Sáhara, pero con familia de adopción do Porriño, foi vista por última vez arredor das seis da tarde nesta zona da localidade de Carballo, moi preto de onde vive coa súa parella, quen denunciou a súa desaparición. A moza ten 25 anos, é morena, estatura baixa (1,51 m) e de complexión delgada e no momento da súa desaparición levaba unhas botas de cor negras. 

A Garda Civil investiga o caso e non desbota ningunha hipótese da súa desaparición. Os achegados da moza piden a colaboración cidadá para atopala e todo aquel que poida achegar algún dato ou que queira participar como voluntario na busca pode contactar coa Garda Civil ou con Protección Civil.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar