Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan o ancián desaparecido en Friol repasando a zona onde se encontrou o seu coche

Buscan o ancián desaparecido en Friol repasando a zona onde se encontrou o seu coche

O alcalde informou que se ampliou o radio de busca ata catro quilómetros de onde apareceu o vehículo

Os veciños acoden cada día a buscar e a axudar a familia de Jose Luís
G24.gal 09/09/2022 13:58

Seis días dende que José Luis Iglesias desapareceu da súa casa no lugar do Manxadoiro, en Friol. Malia que atopalo con vida se complica cada día que pasa, os veciños e voluntarios da contorna non deixan de acudir a botar unha man cada mañá e cada tarde.

Medio cento de persoas están a buscar o ancián desaparecido, entre veciños, voluntarios, membros de Protección Civil de Friol e Garda Civil. Están a buscar na contorna da súa vivenda e onde deixou o seu coche. Hai catro grupos dunhas dez persoas, que se foron dividindo para buscar en toda a zona, que é bastante ampla.

É unha área que presenta problemas, xa que hai moita maleza e vexetación que pode ocultar o desaparecido. De todos os xeitos, están volvendo sobre zonas xa rastrexadas para comprobar ao cento por cento que non está en zonas onde estiveron nos últimos días. 

Despois de que os labores de rastrexo fosen infrutuosos nos últimos días, á primeira hora de cada mañá e da tarde renovábase o dispositivo de procura para tratar de atopar a José Luis, que falta do seu domicilio, na parroquia de Carballo.

"Estamos revisando as pistas e o perímetro de onde está o coche porque puidemos pasar algo por alto, aínda que é case imposible, pero para asegurarnos que aí non queda. Onte ampliamos un pouco o radio da busca sen resultados, así que hoxe volvemos aquí".

Buscan en cada metro de monte. Están insistindo nas inmediacións do seu domicilio e no lugar onde atoparon o coche. A moral dos voluntarios vese minguada en ocasións pola falta de resultados, pero o rastrexo segue coa mesma intensidade.

"Buscamos sobre 15 ou 20 metros arredor de cada camiño por se lle puido dar un desmaio ou algo e non se puidera levantar e quedara nesa zona. Comprobar todo o monte é practicamente imposible porque son moitas hectáreas e a broza dános polo peito, intentamos tamén mirar por debaixo e neses 15 metros imos revisar o máximo posible".

O desaparecido, de 80 anos, vive coa súa muller e cos seus fillos. Adoita saír só a pasear e ver as súas leiras ou o gando. Cando desapareceu levaba postos uns pantalóns marróns, chaqueta negra, botas e unha gorra. Malia que non ten ningún problema de saúde grave, a familia cre que se puido desorientar cando saíu a camiñar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade