O home de Madrid a quen buscan en Muxía veu a Galicia a tirar as cinzas da muller
Falta dende o martes, o día que se cumprían tres anos da morte da súa compañeira
A busca vaise retomar pola tarde, cando baixe a marea, co temporal costeiro en contra
Búscano na praia Muíños, o punto cero, por un dobre motivo. O primeiro, máis evidente:
"O seu vehículo apareceu aquí estacionado", confirma Manel Blanco, policía Local de Muxía.
Pero hai unha segunda razón máis emocional:
"O desaparecido e a muller veraneaban todos os anos aquí. Viñera outras veces con familiares para tirar as cinzas pero non o fixeron e desta vez veu el só", engade Blanco.
O martes, o 9 de decembro, foi unha data sinalada. Cumpríronse tres anos da morte da muller. Ese día deixou de contestar ao teléfono, pagou o apartamento onde se aloxou e aparcou o coche ao pé da praia. Hoxe vano inspeccionar.
"No habitáculo pódense comprobar pertenzas que ten pero fáltanos o maleteiro, que está pechado e tapado e non se ve. Están vindo os seus familiares máis directos, cun segundo xogo de chaves", indica o policía local.
Buscaron algún sinal por terra, mar e aire, sen descartar ningunha opción.
"Con esta ondada que hai polo mal tempo, se unha persoa está despistada ou ven unha onda pódea tirar, envolver ou acaba levándoa para o interior do mar", aventura Manel Blanco.
Puido pasar pero tamén se baralla que este home de 60 anos, avogado en Madrid, quixera voar onda a súa compañeira dende a praia en que compartiron tantos momentos.