Bruxelas propón un tope ao prezo do petróleo ruso
Tamén prohibe aos cidadáns europeos que formen parte dos consellos de administración das empresas públicas rusas e limita aínda máis os produtos que poden exportarse a Rusia
As medidas forman parte do oitavo paquete de sancións a Putin e responden á convocatoria de referendos nas zonas ocupadas

A Comisión Europea propuxo este mércores un novo paquete de sancións contra Rusia, entre elas un tope ao prezo do petróleo ruso e a prohibición aos cidadáns europeos de poder formar parte dos consellos de administración das empresas públicas rusas.
O tope ao prezo do petróleo vai na mesma liña do acordo que alcanzou o G7.
E a prohibición para que os cidadáns da UE poidan formar parte dos consellos de administración das empresas, está pensada para evitar posibles casos como o do exchanceler alemán Gerhard Schröder, que traballou para Gazprom.
"Rusia non debe beneficiarse do coñecemento europeo e dos seus expertos", sinalou a presidenta da Comisión ao anunciar as medidas.
Ursula Von der Leyen defendeu o oitavo paquete de sancións contra Rusia como resposta á mobilización parcial que o presidente ruso, Vladimir Putin, decretou a semana pasada, así como unha reacción ante a súa ameaza de empregar armas nucleares e os referendos en zonas do leste e sur de Ucraína.
"A semana pasada, Rusia levou a invasión a Ucraína a un novo nivel. Os falsos referendos organizados nos territorios que Rusia ocupou son un intento ilegal de adquirir territorio para cambiar pola forza as fronteiras internacionais", dixo a presidenta da Comisión.
Segundo Von der Leyen, estas novas sancións privarán a Rusia dun ingreso adicional de 7.000 millóns de euros.
Os países da UE deixarán de importar petróleo ruso por gasoduto a partir do 5 de decembro, pero, "certos países en vías de desenvolvemento aínda necesitan subministración de petróleo ruso a baixos prezos", sinalou a presidenta do executivo comunitario.
Esta medida "axudará a reducir, por unha banda, os ingresos de Rusia e polo outro, manterá, estable o mercado mundial da enerxía".
Ademais, a Comisión propón ampliar os produtos que estará prohibido exportar a Rusia para privala de “tecnoloxías clave”, por exemplo para a aviación, así como compoñentes electrónicos ou químicos.
Tamén se amplía a lista de persoas e entidades sancionadas por apoiar, facilitar ou beneficiarse da invasión de Ucraína, que xa contén máis de 1.300 nomes.