Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas anuncia "unha intervención de emerxencia" no mercado eléctrico

Bruxelas anuncia "unha intervención de emerxencia" no mercado eléctrico

Von der Leyen asegura que o actual contexto de dependencia do gas ruso fai que haxa que remodelar o mercado enerxético

Rusia ameaza con subir o prezo do gas máis do 40 por cento

A luz subirá este martes ao seu terceiro prezo máis alto: 459,4 euros/MWh

G24.gal 29/08/2022 16:17 Última actualización 30/08/2022 09:31

A Comisión Europea anunciou que está traballando nunha intervención de emerxencia e unha reforma estrutural do mercado eléctrico. A motivación desta medida aseguran que é que o modelo actual foi deseñado baixo unhas circunstancias que xa non se aplican.

"O aumento vertixinoso dos prezos da electricidade está poñendo de manifesto as limitacións do noso actual deseño do mercado da electricidade", dixo Ursula Von der Leyen.

A presidenta da Comisión Europea tamén afirmou que xa están traballando nunha "intervención de emerxencia" para reformalo.

Von der Leyen falou da necesidade dos cambios debido ao contexto de dependencia que a UE ten do gas ruso. Advertiu que hai que prepararse "para unha posible interrupción total do gas ruso".

Tamén afirmou que a Unión Europea logrou aumentar "á velocidade do raio" as importacións de gas doutros provedores e pediulles aos estados membros que reduzan un 15 % o seu consumo para aumentar as reservas.

Outro dos puntos que destacou foi o das enerxías verdes, que asegura que son a mellor alternativa para non depender enerxeticamente de Rusia. 

"Así que a era dos combustibles fósiles rusos en Europa está a chegar ao seu fin. E coa liberación da chantaxe virá un maior poder para defender as regras globais", asegurou. 

Neste contexto, o primeiro ministro checo, que ostenta este semestre a presidencia da Unión Europea, convocou para o próximo día 9 unha xuntanza extraordinaria dos ministros de Enerxía. 

"Os prezos da electricidade son insostibles", asegurou o dirixente checo tras reunirse este luns co seu homólogo alemán, Olaf Sholz, e considerou  por primeira vez "que se poida desligar o prezo do gas dos prezos da electricidade". Algo que veñen reclamando países como España, Italia ou Portugal desde hai varios meses.

Alemaña e Francia superaron esta fin de semana os mil euros por megawatt hora. Mentres Alemaña reactiva as súas centrais de carbón para asegurar o funcionamento das empresas e o consumo cidadán, Francia negocia con Alxeria un incremento de ata o 50 % na subministración de gas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade