Biden advirte a Putin contra o uso de armas nucleares e químicas en Ucraína
Presidente dos EUA: "Converteríanse nos maiores parias que o mundo nunca viu"
As Nacións Unidas van investigar as foxas con máis de 400 cadáveres de Izium

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, instou o seu homólogo ruso, Vladímir Putin, a non usar armas nucleares nin químicas en Ucraína e advertiulle de que se converterá no maior "paria" do mundo se o fai.
"Non, non, non o faga. Cambiará o rostro da guerra como nunca antes desde a Segunda Guerra Mundial", dixo nunha entrevista co programa '60 Minutos'" da cadea CBS.
Nun extracto do programa avanzado este sábado, o xornalista Scott Pelley preguntoulle ao presidente sobre a eventual resposta dos Estados Unidos se Putin usase armas nucleares ou químicas para cambiar o curso do conflito en Ucraína.
Biden respondeu que habería "consecuencias" e que os rusos "se converterían nos maiores parias nunca vistos no mundo". "A resposta dependerá do alcance do que fagan", limitouse a dicir o líder demócrata na entrevista, que se emitirá integramente este domingo.
Sancións e axuda militar
Desde o inicio da invasión rusa de Ucraína o 24 de febreiro, os Estados Unidos impuxeron en coordinación cos seus aliados sancións ao sector financeiro ruso, a Putin e a decenas de funcionarios, empresarios e oligarcas dese país, ademais de enviar axuda militar a Kíiv.
A guerra, estancada no leste de Ucraína desde hai meses, abriu esta semana unha nova fase coa retirada rusa na rexión de Khárkiv, que limita co Donbás.
Presións da China e da India
Os Estados Unidos consideran que a China e a India están a aumentar "a presión" cara ao Kremlin para que acabe a guerra, despois de que os seus líderes, Xi Jinping e Narendra Modi, expresaran a Putin a súa preocupación polas consecuencias do conflito.