Barbero certifica un sufrido triunfo do Deportivo (1-0)
O dianteiro marcou ao pouco de comezar a segunda parte
Os de Idiakez perdoaron moitas ocasións para marcar o segundo e acabaron padecendo nos últimos dez minutos
O Deportivo sufriu para conseguir a vitoria diante do Unionistas pero o gol de Barbero vale o seu peso en ouro. Permítelle seguir á fronte da Primeira Federación gastando unha xornada máis.
O propio Barbero protagonizou a primeira acción do partido cunha caída na área en que o colexiado non asubiou penalti malia que a agarrada parecía clara.
Bo inicio do Deportivo, pero a partir do minuto vinte a xeración de perigo diminuíu. O Unionistas, cunha disposición moi defensiva, atopábase moi cómodo en campo propio.
Cambiou a dinámica no segundo tempo cunha entrada moi agresiva do cadro coruñés que tivo o premio en forma de gol nun desvío de Barbero a disparo de José Ángel.
O Unionistas arriscou e o Deportivo puido sentenciar á contra. Yeremay, Barbero ou Davo gozaron de oportunidades moi claras para marcar o segundo. Non chegou ese tanto da sentencia e acabou o conxunto deportivista pedindo a hora despois dunha agonía final cos de Salamanca lanzando moitos saques de esquinas e faltas laterais.