Baixa a ocupación hospitalaria en Galicia pola covid, tanto nas UCI coma en planta
Un lixeiro incremento das infeccións achega a case 18.000 o número de persoas co virus
O Sergas notifica catro novos falecementos por covid-19 nas últimas 24 horas
A presión hospitalaria descende nas últimas horas en Galicia, para contabilizar por baixo dos 700 os pacientes ingresados por covid, con case unha trintena menos, con datos das 18 horas do venres.
Así, son 675 os enfermos con covid nos centros hospitalarios galegos, 28 menos que a xornada previa. Nas UCI precisan atención 19 persoas, dúas menos e en planta son 656, (-26).
Nas últimas horas diagnosticáronse nas probas realizadas 1.812 novos contaxios, que son 80 máis que o día anterior.
As infeccións por coronavirus seguen a subir e son 17.987 as persoas enfermas en Galicia, 336 máis.
E o Sergas notifica catro novos falecementos por covid-19 nas últimas horas, o que eleva a cifra a 3.343 persoas mortas durante a pandemia.
Situación por áreas sanitarias
Dúas áreas sanitarias galegas superan as tres mil persoas contaxiadas de coronavirus: son as da Coruña, con 3.477, e a de Santiago, con 3.030 baixo seguimento. E preocupa a situación na de Lugo, con sete pacientes ingresados nas UCI, mentres na da Coruña son tres e no resto dúas as persoas nestas unidades, agás na de Ferrol, con só un enfermo en agudos.
A Coruña: 3.477
Vigo: 2.815
Santiago: 3.030
Ourense: 2.512
Pontevedra: 1.995
Lugo: 2.724
Ferrol: 1.410