Aviso amarelo na costa das Rías Baixas este domingo por mar de vento
En mar aberto o vento do norte e nordeste acadou forza 7
Apenas se notou nas praias, aínda que si baixaron lixeiramente as temperaturas
Os areais das Rías Baixas entran na zona afectada polo aviso amarelo, que abrangue a faixa litoral dende Monte Louro ata a desembocadura do Miño. Aínda así, os refachos de vento norte e nordeste, que acadaron a máxima intensidade a media tarde, non se notaron moito a pé de praia.
En mar aberto a previsión é de que os ventos acaden forza sete, con ondas de ata catro metros. Con todo, foi no interior, nas Xesteiras, en Cuntis, onde se acadou o refacho máis intenso, de 63 quilómetros por hora. En cabo Udra superou os 52 quilómetros a hora. Unha airexa mareira ben recibida para suavizar o termómetro.
Co inicio da semana o mapa quedará libre de avisos e manterase o tempo primaveral máis propio desta altura do ano.