Avanza o incendio de Valdeorras, que desde onte duplicou a súa extensión, 6.000 hectáreas
O lume avanza cara a lugares do Barco de Valdeorras como Forcadela e cara a Portomouriscos, en Petín
Témese que o incendio de Manzaneda chegue tamén ao concello de Larouco
A provincia de Ourense segue vivindo unha situación crítica por mor do lume. Nestes momentos hai doce incendios activos en Ourense e xa van máis de 50.000 hectáreas queimadas. Unha das comarcas que máis preocupa nestes momentos é a de Valdeorras, con 6.000 hectáreas queimadas.
Continúa avanzando o incendio iniciado na parroquia de Seadur, en Larouco o mércores á tarde.
O lume cruzou xa o Sil por 15 puntos distintos e entrou no Courel, e durante esta xornada rodea o Barco de Valdeorras. Nas últimas horas avanzou cara a lugares habitados.
"Estamos preocupados pola progresión do lume cara á serra do Eixe, e mais preocupados polas localidades ou núcleos do Barco, Forcadela, Vilanova e O Val. Tamén das localidades do Bolo, Portomourisco. Esa é a zona que máis nos preocupa e estamos destinando efectivos para protexer esas localizacións", explicou Xosé Bieito Rodríguez, axente ambiental do Medio Rural
Achégase cada vez máis a outros dous grandes incendios, o das Médulas, en León, e o de Manzaneda que segue avanzando. A alcaldesa de Larouco manifestáballe á Radio Galega o seu temor:
"Freixeiro, devastado; Seadur, devastado; Larouco, pola súa parte norte e leste, devastado. Agora o que estamos intentando é que non nos entre polo oeste e a ver que pasa co incendio de Manzaneda, porque non control e chegaríanos polo sur a nós, que é o que nos queda sen arder", lamentaba Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco
Desde onte o lume duplicou as hectáreas queimadas e supera xa as 6.000 nos concellos de Petín, Quiroga e a Rúa.
"A situación foi supercomprometida, toda a zona da Rúa, Valdeorras, Vilamartín. Destinando todas as dotacións a protexer a poboación e as súas vivendas. Houbo algunha incidencia e algún accidente dalgún membro do noso dispositivo. Houbo que hospitalizar unha persoa por un accidente dun camión que envorcou pero esperemos que evolucione favorablemente e se poida incorporar canto antes", dicía Xosé Bieito Rodríguez
O lume obrigou a cortar a N-536 nos seus accesos á Rúa e Vilamartín, están afectadas varias liñas eléctricas e os repetidores de comunicación. Na Rúa o concello recomendou tamén non consumir a auga polo momento.