Automobilistas Europeos Asociados cualifica como "decepcionante" a reforma das normas de tráfico
O presidente do colectivo, Mario Arnaldo, defende que aumenta o afán recadador, pero non achega solucións alternativas nin educativas
A asociación Automobilistas Europeos Asociados di que a reforma das normas de tráfico que hoxe entra en vigor son "decepcionantes" e "unha oportunidade perdida".
O presidente do colectivo, Mario Arnaldo, defendeu no Galicia por diante que aumenta o afán recadador, pero non achega solucións alternativas nin educativas. Pon como exemplo o uso do móbil ao volante, que desde hoxe é sancionado coa retirada de seis puntos no carné de conducir.
Segundo Arnaldo, "é unha oportunidade perdida" porque deberían obrigar os fabricantes de móbiles a establecer un sistema que, automaticamente, puxese os aparellos en modo avión ao detectar a velocidade. Os acompañantes, defende, terían que manualmente desactivar ese modo avión.
Arnaldo tamén cre que o Goberno deixa en mans dos concellos a regulación dos patinetes, polo que "España seguirá nun reino de taifas", ao igual que na retirada de puntos cando é a Policía Municipal a que denuncia os condutores de vehículos, porque algúns concellos aplican esa retirada mentres que outro non o fan.
Ademais, cualifica como "erro" que se elimine a posibilidade de que os condutores aumenten a velocidade de 90 a 110 km/h para adiantar en vías convencionais. Segundo Mario Arnaldo, supón un perigo para a condución.