Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda anuncia 24 novas residencias de maiores e desgravacións a libros de texto

Rueda anuncia 24 novas residencias de maiores e desgravacións a libros de texto

Un bono de 50 euros para estimular o consumo de peixe fresco e novas medidas para animar os propietarios a colocar vivendas baleiras no mercado do alugueiro, as apostas do presidente galego

Rueda repróchalle ao Goberno que “se afane en buscar pretextos” para non financiar Altri: "Non toleraremos discriminacións nin exclusións baseadas en escusas de mal pagador”

A oposición ve a Rueda "sen respostas" e "desconectado da Galicia real"

EFE/ Lavandeira Jr
G24.gal 23/04/2025 08:37 Última actualización 23/04/2025 21:24

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este mércores no primeiro debate de política xeral deste mandato, unha batería de medidas sociais que porá en marcha ao longo desta lexislatura.

Entre as medidas anunciadas destaca a posta en marcha de desgravacións fiscais pola compra de libros de texto e a creación de 24 novas residencias de maiores.

1.800 novas prazas en 24 novos centros para maiores

Na súa intervención no debate puxo de relevo a vontade do seu Goberno de desenvolver ao longo desta lexislatura “o plan de construción de residencias máis ambicioso da historia de Galicia”.

Suporá a creación 24 centros con 1.800 novas prazas de atención aos maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes. Segundo dixo, isto permitirá incrementar case un 15 % as prazas públicas actuais, crear un milleiro de postos de traballo no sector sociosanitario e ampliar a cobertura residencial a moitas localidades que neste momento non contan cun centro.

O presidente avanza que nos vindeiros meses lanzarán un plan piloto dotado con medio millón de euros para atender os doentes con patoloxías crónicas complexas e avanzadas, que están nunha residencia ou recibindo coidados dun familiar na casa.

Trátase de darlle un enfoque multidisciplinar, tanto sanitario como social, explicou o presidente.

Desgravacións pola compra de libros de texto ata un máximo de 105 euros por alumno

O presidente galego aposto por seguir rebaixando impostos “sempre que se poida” e indicou que a súa intención é continuar nesta liña.

Avanzou que Galicia vai implantar na próxima declaración da renda unha nova desgravación por compra de libros e material escolar coa que os fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per cápita poderán descontar o 15 % do gasto ata un máximo de 105 euros por alumno.

Ademais, o presidente avanzou que o vindeiro curso poñerase en marcha un proxecto piloto para administrar nos colexios a vacina intranasal e ampliarase dos 5 aos 11 anos para inmunizar á rapazada evitando a picada.

Máis axudas para que os propietarios poñan no mercado do alugueiro vivendas baleiras

A Xunta reforza as axudas para facilitar o acceso da cidadanía a unha vivenda. Neste senso, Rueda avanza que poñerá en marcha "de maneira inmediata" un novo programa de axudas para rehabilitar, renovar e asegurar inmobles baleiros para destinalos ao alugueiro. A medida, de ata 12.000 euros por vivenda, está pensada para contratos que deben ser dun mínimo de cinco anos.

Trátase de "darlles seguridade, deixar de ameazalos e deixar de culpabilizalos", dixo Alfonso Rueda no debate sobre o estado da autonomía.

Centros móbiles de información á muller para identificar posibles casos de violencia machista no rural

Rueda trasladou a aposta da Xunta pola "Galicia en igualdade". Ao fío disto anunciou a creación de catro novos centros de información á muller, un por provincia, que se sumarán aos 84 xa existentes.

A idea é que podan percorrer os concellos do rural e os centros educativos dos campus para detectar posibles casos de violencia machista. "Ningunha muller debe vivir con medo", manifestou o presidente durante o debate de política xeral.

Bonos de 50 euros para estimular o consumo de peixe

O presidente volveu reclamar ao Goberno a redución do IVE para o peixe fresco, tal e como reclama o sector. Entre tanto, a  Xunta avanza que lanzará un bono, dotado con 50 euros, para estimular o consumo deste produto.

Con esta medida preténdese facer "máis accesible" este produto "mentres o Goberno central non adopta a redución do IVE que reclama todo o sector".

Rueda repróchalle ao Goberno que “se afane en buscar pretextos” para non financiar Altri

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que o Executivo “se afane en buscar pretextos” para non financiar un proxecto como o que a firma lusa Altri proxecta para Palas de Rei (Lugo) despois de coñecer que a iniciativa industrial para construír unha macrofactoría de celulosa en Palas de Rei quedará fóra do PERTE de descarbonización.

O presidente avanzou que o seu Goberno “vai ser firme” porque, dixo, “non toleraremos discriminacións nin exclusións baseadas en escusas de mal pagador”.

“Reivindicaremos que a industria galega reciba o apoio que o Goberno comprometera e esixiremos que non se nos discrimine nos fondos europeos”, expuxo Rueda. Segundo sinalou, “calquera proxecto que cumpra coa normativa ambiental e contribúa ao desenvolvemento da nosa terra será benvido en Galicia”.
 

180 millóns de euros para "reorientar" o sector aerospacial a seguridade e defensa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Goberno galego destinará 180 millóns de euros nunha década a unha nova iniciativa "estratéxica" para "reorientar" o sector aeroespacial en Galicia a seguridade e defensa ante a previsión de que a demanda se incremente.

Así o anunciou no Debate sobre o Estado da Autonomía, onde explicou que esta iniciativa contará con tres piares: un programa de investimentos conxuntos con empresas tractoras; un servizo de asesoramento para que as empresas que queiran reorientarse cara ao sector aeroespacial de seguridade e defensa conten con claves para facelo; e un fondo de investimento específico para apoiar os desenvolvementos nestas tecnoloxías.

"Temos as capacidades para poder facelo. Os cimentos xa están asentados", reivindicou Rueda na súa intervención no debate.

Un equipo do IGE analizará o impacto da guerra arancelaria en Galicia

Ademais, anunciou que a Xunta conta xa con un equipo específico no Instituto Galego de Estatística, adscrito á Oficina Económica de Presidencia, para analizar "o posible impacto da guerra comercial" e arancelaria en Galicia. 

Segundo dixo, a Xunta porá contar coa información necesaria para perfilar, "a medio e longo prazo", a  reacción de Galicia "ante este novo escenario" que "debe ser coordinada tamén a nivel nacional e europeo".

O presidente da Xunta tende a man aos grupos para conseguir o traspaso dos permisos de traballo para estranxeiros

O presidente pediu este mércores aos grupos con representación parlamentaria que traballen desde a unidade para solicitar ao Estado a transferencia de permisos de traballo para estranxeiros “vía lei orgánica” de competencias.

Trátase de “ter a capacidade” para ocuparse das competencias para “a xestión de políticas activas de emprego que favorezan a inserción laboral” das persoas estranxeiras que chegan a Galicia. Estas competencias, lembrou Rueda, xa están transferidas a outras comunidades autónomas.

No debate, o presidente galego apostou por un "autonomismo útil, que non quere competencias só por encabezar algún tipo de clasificación nin por competir con ninguén”.

O presidente da Xunta puxo de relevo no debate o esforzo realizado polo Goberno galego para conseguir o traspaso das competencias de xestión do litoral. 

Recalcou que o executivo autonómico seguirá traballando para poñer en valor a nosa riqueza e avanzou que a Xunta está planificando unha rede de sendas que conectará o litoral galego de punta a punta, desde Ribadeo ata A Guarda.

 

Rueda insiste en rexeitar a condonación da débeda: "É un sensentido

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistíu en que a condonación da débeda que ofreceu o Goberno ás comunidades autónomas é un "sensentido" porque supón "premiar a quen o fixo mal e castigar a quen o fixo ben".

Reclamou un novo sistema de financiamento autonómico, que teña en conta a dispersión poboacional e o envellecemento, en lugar da condonación.

Rueda tende a man á oposición para acadar un gran pacto pola lingua 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou o debate para tenderlle a man á oposición co obxectivo de lograr un gran pacto pola lingua.

Rueda afirma que os retos da nosa lingua son seducir os novos galegos, penetrar máis en ámbitos da sociedade que aínda se lle resisten e reforzar as pontes co inmenso mundo da lusofonía. "Ningún destes retos se solucionará utilizando a lingua galega como arma política", aseverou.

Rueda concluíu a súa primeira intervención no debate cunha reflexión:  "Pensar Galicia en grande é afrontar o futuro con esa mestura de realismo e optimismo propia dos pobos que prosperan. Facelo en clave de si e confiar na nosa terra e na nosa xente". 

Á tarde, os grupos toman a palabra neste primeiro debate de política xeral desta XII lexislatura, o segundo de Rueda como presidente.

Os portavoces dos grupos parlamentarios retomarán o debate ás 16 horas, de menor a maior representación, polo que empezará o de Democracia Ourensá, seguido polo PSdeG, a do BNG e o do PPdeG, todos cun tempo de 45 minutos.

Tras a réplica de Rueda aos partidos, haberá unha nova quenda para cada un deles por un tempo de 15 minutos, e o debate será pechado polo presidente.

A sesión quedará suspendida ata o venres ás 11 da mañá, cando se retomará para o debate e votación das propostas de resolución rexistradas o xoves por cada partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade