Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumenta a transmisión en todas as comunidades e Navarra volve ao risco alto

Aumenta a transmisión en todas as comunidades e Navarra volve ao risco alto

A incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 71,5 casos por 100.000 habitantes

O incremento de contaxios non compromete a presión hospitalaria

G24.gal 12/11/2021 19:48

A pandemia de covid-19 suma este venres 4.353 contaxios, o que eleva a incidencia acumulada a 14 días ata os 71,5 por 100.000 habitantes (4,5 puntos máis ca onte). Polo momento, o aumento da transmisión non compromete a presión hospitalaria que se mantén por baixo do limiar de risco para o sistema sanitario.

No que se refire á taxa de positividade (a porcentaxe por cada 100.000 habitantes de casos positivos nas probas diagnósticas) subiu unha décima, do 3,4 ao 3,5.

Segundo a actualización de datos do Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas aumentou a transmisión en todas as comunidades e Navarra volve ao risco alto (máis de 150 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), ao subir a súa incidencia ata os 158,3. A comunidade foral estaba desde o 18 de outubro en risco medio.

Ademais, Cantabria sitúase en niveis de risco medio (entre 50 e 150 casos) ao aumentar a incidencia ata os 50,44.

Grupos de idade

A transmisión en menores de 12 anos (aínda sen vacinar) roza os 100 puntos (98,8), unha cifra que se triplica no País Vasco (300) e que tamén se mantén elevada en Navarra (270,5).

Ademais, no grupo de 40 a 49 anos a incidencia é dun 83,9 %. Do mesmo xeito, sitúase por riba da media nacional a franxa que vai dos 30 aos 39, cun 76,9.

Nas últimas 24 horas notificáronse 26 mortes confirmadas por proba PCR polo que a cifra total de falecementos dende o inicio da pandemia ascende a 87.673.

Situación hospitalaria

Hai 18 doentes máis de covid nos hospitais españois, ata un total de 1.946, e a presión mantense no 1,5 %. Nas UCI contabilízase unha persoa menos ca onte (394), o que mantén a ocupación no 4,3 %. 

As comunidades con maior presión nestas unidades son A Rioxa (16,98 %), Aragón (8,1 %), Cataluña (7,6 %) e Baleares (6,38 %).

En canto á incidencia a sete días, indicador que permite coñecer a evolución da pandemia a curto prazo, sitúase nos 41,2 casos, fronte aos 38,5 de onte.

Vacinación

Segundo o informe do Ministerio de Sanidade, administráronse algo máis de 2,4 millóns de terceiras doses -adicionais ou de reforzo- a pacientes de alto risco, persoas en residencias e maiores de 70 anos. Porén, un 70 % destes últimos non recibiron a dose extra.

En canto á poboación total, e á espera dunha resolución da Axencia Europea do Medicamento (EMA) sobre a vacinación infantil, en España hai 38.144.625 de persoas, o 90,6 % da poboación diana (maior de 12 anos), con polo menos unha picada. Do total, 37.448.743 persoas, o 88,9 %, finalizou xa o proceso.

Residencias de maiores

Os falecementos de persoas con covid en residencias de maiores seguen, pola súa banda, á baixa, continuando así o descenso progresivo iniciado en setembro.

No último período contabilizado, correspondente aos primeiros sete días de novembro, rexistráronse 7 falecementos (fronte aos 10 da semana anterior) e 51 casos positivos (67 no anterior período).

Por comunidades, Madrid rexistrou tres falecementos; Castela e León, dous; e Aragón e Galicia, un, respectivamente.

En total, desde o inicio da pandemia en marzo de 2020 ata o de agora morreron con covid-19 ou con síntomas compatibles 30.689 persoas en centros de maiores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade