Augusto Lima recae da lesión muscular no xemelgo da perna dereita
Augusto pasará por un proceso de fisioterapia e readaptación ata a súa nova incorporación aos adestramentos co resto dos seus compañeiros

O pivote hispano-brasileiro Augusto Lima sufriu unha recaída da lesión sufrida no xemelgo interno da súa perna dereita durante o partido contra o Baxi Manresa, correspondente á décima xornada da liga Endesa e disputado no Coliseum da Coruña a principios de decembro.
Despois de dous meses afastado das pistas, Lima reapareceu o pasado 1 de febreiro contra o Dreamland Gran Canaria, disputando case doce minutos, dous máis dos que xogou no último partido ligueiro contra o Joventut.
“As probas realizadas estes días confirman unha lesión no seu xemelgo interno da perna dereita, dunha menor entidade á sufrida durante o encontro fronte ao BAXI Manresa, estimándose nesta ocasión un prazo de recuperación menor ao da primeira lesión”, informaron os servizos médicos do Básquet Coruña.
Augusto pasará por un proceso de fisioterapia e readaptación ata a súa nova incorporación aos adestramentos co resto dos seus compañeiros. O próximo partido do equipo dirixido por Diego Epifanio será o 1 de marzo contra o Hiopos Lleida.