Aspas volve marcar, pero o triunfo queda en Braga (2-1)
O de Moaña marcou os tres goles que leva o Celta na pretemporada
O equipo portugués decidiu cun gol no 86
O Celta saíu de inicio con Iván Villar; Hugo, Aidoo, Unai, Galán; Renato, Solari, Óscar, Cervi; Aspas e Baeza. Enfronte estaba un Braga que se presentaba diante do seu público e saíu con forza. Mediado o primeiro tempo marcou nun remate de Banza. A partir do gol viuse o mellor Celta no primeiro tempo, sobre todo cun Javi Galán que levou moito perigo pola esquerda. Baeza e Hugo Mallo tiveron ocasións moi claras para chegar ao descanso con empate.
Unha igualada que acadaría Aspas nada máis comezar a segunda metade. Aidoo conectou unha cabezada á saída dun córner e Iago estivo, como sempre, atento ao rexeite para meter a bota.
O partido perdeu intensidade na segunda parte. Os dous adestradores aproveitaron para facer trocos e baixou o número de achegamentos. Iso ata o minuto 80 onde os dous equipos, se cadra polo cansanzo, deixaron ocos e chegaron as ocasións. Kevin tivo o gol no 80 nun man a man.
O que non perdoou foi Rodrigo Gomes no 86 nunha prodixiosa manobra cunha ruleta diante de Aidoo e unha gran definición diante de Iván Villar. E a seguir Swedberg puido poñer o empate pero o seu remate foi contra a escadra.