Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asasinado en Pozuelo un exasesor do expresidente ucraíno, Víktor Yanukóvich

Asasinado en Pozuelo un exasesor do expresidente ucraíno, Víktor Yanukóvich

Andréi Portnov foi abatido a tiros tras deixar os seus fillos no colexio por un ou varios individuos que fuxiron do lugar en dirección á Casa de Campo

Investigado por apropiación indebida e violacións dos dereitos humanos, Pornov figurou nunha lista negra da UE

Ricardo Rubio/Europa Press Ricardo Rubio/Europa Press
G24.gal 21/05/2025 11:58

En Madrid investígase o asasinato esta mañá, en Pozuelo de Alarcón, de Andréi Portnov  un dos principais exasesores do expresidente ucraíno Víktor Yanukóvich.

Portnov, de 52 anos de idade, foi tiroteado contra as 9:15 da mañá tras deixar os seus fillos no Colexio Americano desa localidade. Ao ir montar no seu vehículo, varias persoas achegáronse e disparáronlle na cabeza e nas costas, segundo fontes oficiais.

Na zona, que foi acordoada, sobrevoan drons e un helicóptero para tentar localizar o presunto autor ou autores do asasinato. Sospéitase que fuxiron cara á Casa de Campo, unha ampla zona boscosa que une Madrid con Pozuelo de Alarcón.

O tiroteo alterou a rutina do alumnado e profesorado do centro escolar

O asasinato de Andréi Portnov sorprendeu a comunidade educativa do Colexio Americano, o centro en que estudan os seus fillos.

Nun comunicado, o propio colexio informou os pais que a primeira hora se produciron disparos ás portas do centro, pero que todos os seus alumnos estaban a salvo no interior.

Por megafonía interna pediuse o estudantado que permaneceran nas clases. O propio colexio sinalou que a vítima era pai de alumnos do centro.

Ricardo Rubio/Europa Press Ricardo Rubio/Europa Press

Ao longo da mañá algúns pais acudiron ao colexio para recoller os seus fillos, mentres axentes de Policía Científica seguen no lugar analizando a escena xunto ao coche do asasinado.

Tamén se desprazaron axentes do grupo V de Homicidios e da Brigada Provincial de Información para facerse cargo da investigación.

De momento non se produciu ningunha detención relacionada con este crime.

Quen é Andréi Pornov?

Político e avogado, foi xefe da Administración do expresidente Víctor Yanukóvich, o mandatario prorruso que caeu tras a revolución do Maidan.

Xogou un papel principal na resposta do Goberno de Yanukóvich ás protestas masivas que comezaron a finais de 2013.

Andréi Portnov, nunha foto de arquivo (Alina Kostrubitska/News UTR) Andréi Portnov, nunha foto de arquivo (Alina Kostrubitska/News UTR)

Portnov foi investigado por apropiación indebida de fondos públicos e de violacións dos dereitos humanos, feitos polos que os seus fondos foron conxelados temporalmente polo Tribunal Xeral da Unión Europea.

De feito, figurou nunha lista negra da UE por estes feitos e chegou mesmo a ser investigado tamén polo servizo secreto de Ucraína pola súa afinidade con Rusia, polo que todas as hipóteses do motivo do asasinato están abertas e, polo momento, non se descarta ningunha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade