Publicador de contidos

Publicador de contidos

As viñas do Salnés presentan unha brotación boa

As viñas do Salnés presentan unha brotación boa

O inverno suave e chuvioso favoreceu o agromar de acios e follas

Imaxe deste xoves dunha viña de Vilariño, en Cambados
G24.gal 06/05/2025 07:33

Visitamos un viña de Vilariño, en Cambados, para observar no terreo o aspecto que presentan nesta primavera viñedos do Salnés. Empézanse a ver os primeiros acios e as follas grandes, unha boa brotación favorecida polo tempo e a auga que houbo este inverno:

"Pois mira, este ano tivemos un inverno onde a temperatura non foi demasiado fría, pero si que choveu moito, entón as reservas de auga no solo están a tope, por dicilo así, están como teñen que estar, e agora estamos esperando a que veña esta primavera, esta temperatura, esta calor, que antes ou despois acaba vindo", explica Joaquín Martínez, técnico de campo de Adega Martín Códax.

Agora queda estar pendentes do tempo das próximas semanas. Superado o risco de xeadas nas zonas máis a carón do mar, o perigo podería vir por algunha tormenta de pedrazo e sobre todo por como evolucionen os fungos, nomeadamente o mildio:

"Estamos nunha zona climatoloxicamente benévola para o bo e para o malo, temos humidade, temos calor, entón algún problema cos fungos temos. Entón estamos utilizando toda a tecnoloxía e todos os medios que temos á nosa man para protexer a planta sobre todo contra o mildio, que é a praga que máis nos pode ameazar. De momento a praga fixo presenza pero de xeito moi testemuñal, e seguir facendo o noso traballo para que cando estea aquí, nós ter protexidas ás plantas para que isto vaia adiante", di Joaquín Martínez,

Quedan agora dúas épocas críticas máis que condicionarán a colleita deste ano. A floración será dentro de dúas ou tres semanas, onde, se a meteoroloxía é benévola, haberá máis flores que se transformen en froito, e as semanas antes da vendima, nas o tempo ou os fungos coma a botrite poden afectar o acio xa feito.

"Entón destes tres fitos o primeiro xa está superado con nota, o segundo está aí cerca e, ben, a ver se o ano vén como desexamos os viticultores para que haxa unha colleita boa pero de momento estamos sendo optimistas de como está vindo", explica o Martínez.

Queda agardar ata setembro para saber se esta boa primavera culmina nunha mellor vendima 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade