As obras da nova central hidroeléctrica de bombeo en Meirama comezarán a finais de 2028
O Goberno central adxudica de forma definitiva o proxecto a Coventina Renovables
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) adxudicou de forma definitiva á empresa Coventina Renovables o concurso público para poñer en marcha unha central hidroeléctrica de bombeo en Meirama, no municipio coruñés de Cerceda.
Trátase dunha iniciativa no marco do proceso de Transición Xusta, tras o peche da central térmica de Meirama. A empresa prevé investir máis de 400 millóns e a xeración de mil empregos no prazo de dez anos. A finais de 2028 está previsto o inicio das obras.
Así se informou nunha comparecencia con presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a directora do Instituto para a Transición Xusta, Judith Carreiras, en relación ás novidades no concurso do nó de Transición Xusta de Meirama.
Judith Carreiras explicou, sobre o contido da reunión na Delegación do Goberno, que o obxectivo foi informar da resolución definitiva do concurso articulado para Meirama, o cal foi, segundo as súas palabras, "competitivo e concorrido", ao que se presentaron sete proxectos.
Sobre os criterios seguidos, insistiu en que foi asegurar unha xeración de enerxía renovable e a creación de emprego e remarcou que Coventina Renovables depositou "as esixentes garantías, con 180 empregos asociados á parte de xeración", engadiu.
Á súa vez, Blanco insistiu en que non hai Transición Xusta "sen un comprimiso firme co territorio" e incidiu en que a estratexia é que o proceso de descarbonización "non deixe a ninguén atrás, a ningún municipio, a ningunha empresa ou traballador".
"O que estamos a facer é atraer novos proxectos e investimentos para protexer os 19 concellos galegos que forman parte das zonas de Transición Xusta de Meirama e As Pontes tras o peche das centrais térmicas", remarcou. "183 millóns de euros que permitiron crear máis de 400 empregos", apostilou en relación ao investimento realizado.
O representante de Coventina Renovables, Jesús Berzosa, incidiu, mentres en que a súa prioridade foi "o emprego local e o compromiso de transmitir ás empresas que colaboren connosco esta esixencia", sinalou. Por iso, dixo que exporán un programa de apoio á formación de traballadores.
Pola súa banda, o alcalde de Cerceda, José Manuel Rodríguez, incidiu na repercusión, a nivel de emprego e de ingresos, do peche da central e destacou o anuncio nesta xornada polo que supoñería de "drama social que non houbese proxectos encima da mesa". A iso, sumou o aproveitamento do potencial turístico no lago das Encrobas.