As forzas de seguridade vixían con patrullas mixtas o cumprimento das normas anticovid
Aglomeracións, botellóns e festas ilegais, no foco da policía en Noitevella
As forzas de seguridade traballan coordinadas para facer cumprir as novas medidas anticovid da Xunta que entraron en vigor na medianoite do venres e se reforzan nos días de festa como Noitevella ou Reis.
"Haberá patrullas dunha policía e outra e estaremos pendentes como é normal das concentracións de persoas, dos límites dos horarios", explica o voceiro da Policía Local de Pontevedra, Manuel Omil.
"Sobre todo en tema de aglomeracións, de persoal non convivente que estén xuntos. Tamén dos establecementos, que cumpran horarios, que cumpran aforos. Todo o referente das medidas anticovid, o uso da máscara", aclara José Manuel Fernández, inspector da Policía Local de Lugo.
O foco policial varía segundo a zona. Haberá un control específico daqueles lugares, prazas, parques ou praias, en que se adoita facer botellón, que está prohibido. Tamén se vixiará que non abran os locais de ocio acollidos a axudas por peche. E que non se celebren festas ilegais, por exemplo en naves de polígonos industriais. Lembran que o incumprimento das normas, anticovid ou de seguridade, pode saír caro.
O inspecto Fernández, de Lugo, aclara que incumprir as normas conleva sancións económicas en moitos casos. Con todo, as forzas de seguridade confían nunha Noitevella máis tranquila do habitual.
"O peor sempre é despois das seis da madrugada, xente que bebe e quere coller o coche, incluso liortas. Pero agardemos que esta noite a restrición de limitar a hora de estar na rúa ás tres da madrugada contribúa a que non haxa tantos problemas como outros anos", di o voceiro da Policía Local de Pontevedra.
E cando abra o primeiro día do ano os axentes vixiarán que os bares non levanten a reixa antes das dez. E lembren, tamén é obrigatorio presentar e que nos pidan o certificado covid a calquera hora nos locais de hostalería.