As Forzas Armadas de Venezuela garanten a continuidade constitucional con Delcy Rodríguez como presidenta
As Forzas Armadas de Venezuela garanten a continuidade constitucional con Delcy Rodríguez como presidenta
Vladimir Padriño revela que os militares estadounidenses "asasinaron a sangue frío" gran parte do equipo de seguridade de Maduro
O ministro de Defensa de Venezuela, Vladimir Padrino López, informou este domingo en conferencia de prensa sobre como se pretende desenvolver parte da estratexia de defensa integral do país.
Padrino comezou dicindo que a Forza Armada Nacional Bolivariana garante a continuidade constitucional avalando a Delcy Rodríguez como presidenta en funcións, tras a captura do presidente Nicolás Maduro durante a incursión dos Estados Unidos.
"A Forza Armada Nacional Bolivariana garantiu en perfecta unidade co pobo, a continuidade democrática de Venezuela e seguirao facendo. Porque a orde, a paz é o noso porto, dicía Bolívar", afirmou Padrino na comparecencia ante a poboación.
"Así que a patria continúa", salientou o ministro de Defensa.
Sobre á decisión do Tribunal Supremo de Xustiza venezolano, que avalou a declaración do estado de conmoción exterior e designa a Delcy Rodríguez como encargada das funcións da Xefatura do Estado, o ministro de Defensa dixo:
"A decisión da Sala Constitucional (...) designa a cidadá Delcy Rodríguez Gómez, vicepresidenta executiva da República, para asumir en condición de encargada todas as atribucións, deberes, e facultades como presidente da República Bolivariana de Venezuela".
"Apoiamos plenamente o decreto de estado de conmoción exterior en todo o territorio nacional, previamente subscrito", remachou.
Padrino subliñou que "o Goberno bolivariano garantirá a gobernabilidade do país" e as Forzas Armadas "continuarán empregando todas as súas capacidades dispoñibles para a seguridade, o mantemento da orde interna e a preservación da paz".
Padrino emprazou a poboación a "non caer nas tentacións da guerra psicolóxica, da ameaza, do medo" por parte dos Estados Unidos e "retomar as actividades económicas, laborais, de todo tipo, educativas nos próximos días".
"A patria debe encamiñarse sobre o seu carril constitucional", subliñou.
O máximo responsable do Ministerio de Defensa valorou que estea previsto para este luns 5 de xaneiro a toma de posesión da nova Asemblea Nacional.
"Desde aquí xa aplaudimos ese acto", afirmou antes de eloxiar este órgano lexislativo como o "centro democrático do debate político por excelencia, por antonomasia".
Os militares estadounidenses "asasinaron a sangue frío" gran parte do equipo de seguridade de Maduro, revela Padrino
Na conferencia de prensa, Padrino deu un novo dato sobre o asalto das forzas especiais estadounidenses no que foi capturado Maduro este sábado de madrugada: os militares norteamericanos mataron "a sangue frío" gran parte dos escoltas do dirixente.
Os militares levaron a Maduro "logo de asasinar a sangue frío gran parte do seu equipo de seguridade, soldados, soldadas e cidadáns inocentes".
Padrino informou ademais da activación na totalidade do espazo xeográfico venezolano "en perfecta fusión popular-militar-policial, a aposta en completo apresto operacional a fin de integrar os elementos do poder nacional na misión de enfrontar a agresión imperial, formando un só bloque de combate".