Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias dos falecidos no Villa de Pitanxo anuncian unha querela criminal

As familias dos falecidos no Villa de Pitanxo anuncian unha querela criminal

Querelaranse contra o patrón do barco, o seu sobriño e a armadora

Unha empresa de Noruega ofrece gratis un robot e un sonar para baixar ao barco 

A Xunta faríase cargo dos gastos de fretar un buque se o achega o Goberno de Sánchez

G24.gal 28/05/2022 20:48 Última actualización 28/05/2022 21:00

Cumpridos xa os cen días do naufraxio do Villa de Pitanxo, no que morreron 21 mariñeiros, familiares dos falecidos reuníanse este sábado co titular da Xunta e coa conselleira do Mar para expoñer as súas reclamacións. 

Á saída do encontro as familias anunciaban que interporán unha querela criminal contra o patrón do barco, Juan Padín, o seu sobriño, Eduardo Rial e contra a empresa armadora. Din que dan este paso por crer, co "aval de expertos cualificados", que hai "unha responsabilidade penal" no acontecido.

"Os delitos que van substanciarse nesta querela son 21 indicios de homicidios por imprudencia, delitos graves contra a saúde dos traballadores, falsidade documental e encubrimento", dixo María José de Pazo, voceira dos familiares do 'Villa de Pitanxo'".

María José de Pazo avanzou que esa querela substanciarase o luns ou o martes. 
Na reunión co presidente da Xunta, que cualificou de "moi positiva", volveu insistir na necesidade de baixar ata o barco para atopar probas que esclarezan o que aconteceu. De Pazo destacou que unha empresa privada de Noruega está disposta a poñerlles á súa disposición, de xeito gratuíto, un robot e un sonar de varrido lateral.

"O presidente da Xunta comprometeuse a ese equipamento trasladalo ao buque que puidera poñer o Goberno de Sánchez a disposición, e a sufragar os gastos dese traslado. Estamos moi agradecidos e esperamos que recolla o guante o presidente Sánchez", asegurou María José de Pazo, voceira dos familiares do 'Villa de Pitanxo'".

O titular da Xunta amosou o apoio do Goberno galego ás reivindicacións das familias, reivindicacións que cualificou de "razoables" e mesmo "dunha cuestión de humanidade".

"Manifestei que os apoiamos nesa reivindicación e trasladarlle ese apoio cando sexa recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Tamén dicir que é unha reivindicación lóxica e que as forzas da oposición en Galicia seguro que apoiarán tamén", destacou Alfonso Rueda, presidente da Xunta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade