As familias do Villa de Pitanxo piden no Congreso que se investigue o naufraxio
Urxen que se baixe ao pecio aproveitando os meses de verán
Os familiares dos mariñeiros vítimas do nafraxio do Villa de Pitanxo levan ao Congreso a súa demanda dunha investigación que poida aclarar as circunstancias do accidente. As familias reuníronse cos voceiros dos grupos do PP, PNV e BNG para trasladarlles a necesidade de abrir unha investigación que poida esclarecer o que sucedeu en augas de Terra Nova a madrugada do 15 de febreiro.
Para iso ven imprescindible baixar ao pecio e facelo aproveitando o verán, cando as condicións na zona son máis favorables. O BNG apoia as súas demandas e pídelle ao Goberno que deixe de poñer escusas.
Apoio tamén por parte do Grupo Popular que levará unha pregunta ao pleno do Congreso para que todos os grupos se poidan pronunciar sobre a apertura dunha investigación sobre o naufraxio.
Aínda que inicialmente non tiñan confirmación para poder trasladarlle as súas demandas aos grupos do PSOE e Unidas Podemos, finalmente as familias poderanse reunir cos grupos que conforman o Goberno.