Publicador de contidos

Publicador de contidos

As campioas do mundo non volverán xogar ata que haxa máis cambios na RFEF

As campioas do mundo non volverán xogar ata que haxa máis cambios na RFEF

Trinta e nove xogadoras, entre elas 21 das 23 campioas do mundo, reclamaron este venres a reestruturación do organigrama de fútbol feminino e aseguraron que os cambios feitos na RFEF "non son suficientes para que sintan nun lugar seguro"

G24.gal 15/09/2023 11:05 Última actualización 15/09/2023 16:53

Trinta e nove xogadoras, entre elas 21 das 23 campioas do mundo, reclamaron este venres á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a reestruturación do organigrama de fútbol feminino e aseguraron que os cambios feitos no organismo "non son suficientes para que sintan nun lugar seguro".

Nun comunicado, as xogadoras piden á RFEF cinco cambios: a reestruturación do organigrama de fútbol feminino e a do gabinete da presidencia e secretaría xeral; a dimisión do presidente da RFEF e a reestruturación da área de comunicación e márketing, así como da dirección de integridade.

"A día de hoxe, tal e como transmitimos á RFEF, os cambios que se produciron non son suficientes para que as xogadoras se sintan nun lugar seguro onde se respecte as mulleres e se aposte polo fútbol feminino, onde poidamos dar o noso máximo rendemento", afirman.

As futbolistas subliñan que son "profesionais" e o que máis as "enche de orgullo" é vestir a camiseta da selección e, din, "levar o noso país sempre aos postos máis altos".

"Por iso", aseguran, "cremos que é o momento de loitar para mostrar que estas situacións e prácticas non teñen cabida no noso fútbol nin na nosa sociedade, que a estrutura actual necesita cambios e facémolo para que as próximas xeracións poidan ter un fútbol moito máis igualitario e á altura do que todos merecemos".

Tras o comunicado, a RFEF pospuxo o anuncio da primeira convocatoria de Montse Tomé, nomeada seleccionadora tras a destitución de Jorge Vilda o pasado día 5, que estaba previsto para esta tarde ás 16:00 horas.

As xogadoras reiteran "o seu enorme descontento" polo ocorrido na entrega de medallas do Mundial en Sydney, na que Luís Rubiales bicou a Jenni Hermoso, e a posterior asemblea extraordinaria da RFEF, en que este se negou a dimitir, aínda que o fixo o pasado día 10, feitos que, segundo din, "non son algo puntual e van máis aló do deportivo".

"Ante estes actos debemos ter tolerancia cero, pola nosa compañeira, por nós e por todas as mulleres", engaden, á vez que explican que tras o ocorrido se realizaron diversas reunións coa RFEF, "nas que se expresou de maneira clara e contundente por parte do persoal os cambios" que entenden "que son básicos para poder avanzar e chegar a unha estrutura que non tolere nin forme parte de feitos tan denigrantes".

"As xogadoras da selección española en todo momento tivemos unha actitude aberta ao diálogo, buscando transmitir uns motivos claros e argumentados que entendemos necesarios para poder realizar o noso traballo ao máximo nivel co respecto que merecemos", engaden.

Tamén afirman que "os cambios especificados á RFEF baséanse na tolerancia cero ante esas persoas que desde un cargo dentro da RFEF tiveron, incitado, escondido ou aplaudido actitudes van contra a dignidade das mulleres".

"Cremos firmemente que se requiren cambios contundentes nos postos de liderado da RFEF e, en concreto, na área do fútbol feminino. Todas estas persoas entendemos que deben estar lonxe do sistema que debería protexernos e que por desgraza se afasta moito dunha sociedade avanzada", subliñan.

Por iso enumeran os cinco cambios que solicitan á RFEF, "para que este tipo de actitudes non volvan suceder, e co fin de ter unha transparencia absoluta", entre os que inclúen a reestruturación de organigrama de fútbol feminino e a dimisión do presidente da RFEF, cargo que ocupa de forma interina Pedro Rocha desde a suspensión temporal da FIFA, o pasado 26 de agosto, a Luís Rubiales, polo seu comportamento na final do Mundial.

O comunicado asínano 39 xogadoras. As únicas campioas do mundo que non o subscriben son Athenea del Castillo e Claudia Zornoza, que anunciou que se retira da selección, e respecto ao comunicado emitido o 25 de agosto, en que as campioas do mundo anunciaron a súa renuncia á selección, co apoio doutras 33 futbolistas, subscriben o novo texto Inma Gabarro e Jana Fernández.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade