Publicador de contidos

Publicador de contidos

Wall Street volve caer pola nova suba de aranceis a China mentres Europa pecha en verde

Wall Street volve caer pola nova suba de aranceis a China mentres Europa pecha en verde

As principais bolsas europeas experimentan fortes subidas tras o rebote da véspera en Wall Street, que este xoves inicia a xornada en números vermellos

O índice español vive a súa mellor sesión dende marzo de 2022 tras abrir cun repunte histórico do 8,51 %

Todas as empresas do selectivo pechan en positivo, lideradas por BBVA e Banco Santander

Bolsa de Madrid (EFE/Vega Alonso) Bolsa de Madrid (EFE/Vega Alonso)
G24.gal 10/04/2025 09:11 Última actualización 10/04/2025 22:31

Wall Street volveu caer este xoves e borrou parte das ganancias da véspera, arrastrada polo temor á guerra comercial iniciada por Estados Unidos tras coñecerse que o seu arancel ás importacións da China ascende ao 145% en total.

Segundo datos provisionais, ao peche da sesión, o tecnolóxico Nasdaq, que foi o máis prexudicado da última semana, caeu un 4,3%.

A noticia produciuse despois do peche das bolsas europeas, co que os mercados do vello continente aínda non reaccionaron á nova situación.

O IBEX 35 sobe un 4,32 %

O principal índice da Bolsa española, o IBEX 35, rexistrou este xoves unha forte suba do 4,32 % e pechou nos 12.307,6 puntos, recuperando así niveis non vistos dende marzo de 2022.

A xornada vén marcada polas subas xeneralizadas nas bolsas europeas, impulsadas pola decisión do presidente estadounidense, Donald Trump, de suspender durante 90 días a aplicación de aranceis "recíprocos", agás no caso de China.

O selectivo español comezou a sesión cunha alza histórica do 8,51 %, a maior apertura ao alza da súa historia. Ao peche, sumou 510 puntos, consolidando a tendencia positiva que permite un avance acumulado do 6,15 % no que vai de ano.

Todas as compañías que integran o IBEX 35 pecharon a sesión con ganancias. Entre os grandes valores, destacou BBVA cunha suba do 6,36 %, a quinta maior do índice. Banco Santander avanzou un 5,54 %, mentres que Inditex gañou un 3,1 %.

Outros valores destacados foron Iberdrola, cun incremento do 2,73 %; Repsol, cun 1,92 %; e Telefónica, que rexistrou o menor ascenso da xornada cun 1,57 %.

París gaña un 3,83 %

O CAC-40 rexistrou unha  suba do 3,83 % e pechou con 7.126,02 puntos.

Nunha semana o mercado francés segue acumulando unhas perdas do 9,33 % e nun mes ese retroceso é do 12,25 %. No que vai de ano, o CAC depreciouse un 3,45 %.

Francfort medra un 4,53 %

A Bolsa de Fráncfort pechou este xoves cunha suba do 4,53 %. O índice principal, o DAX 40, pechou nos 20.562,73 puntos, acumulando así un incremento do 3,2 % no que vai de ano.

O selectivo alemán, que agrupa as 40 maiores empresas do país, chegou a rebotar máis dun 8 % durante a apertura, nun movemento que supuxo a maior suba inicial desde 1991. Porén, o entusiasmo foi moderándose co avance da sesión, en parte pola continuidade das tensións comerciais entre Washington e Pequín.

O índice tecnolóxico TecDAX, que recolle compañías tecnolóxicas e innovadoras alemás, tamén experimentou unha suba sólida do 3,9 %, pechando en 3.311,83 puntos.

Milán pecha cunha suba do 5,11 %

A Bolsa de Milán pechou este xoves con importantes ganancias. O índice selectivo FTSE MIB subiu un 5,11 %.

O índice FTSE Italia All-Share tamén rexistrou un avance notable, cun incremento do 4,63 %, ata situarse nos 36.377,50 puntos. O optimismo inicial levou o FTSE MIB a rexistrar un repunte de ata o 8,14 % poucos minutos despois da apertura, aínda que o ritmo de crecemento foi moderándose co paso das horas.

Londres sobe un 3.04 %

A Bolsa de Londres rexistrou este xoves unha suba do 3,04 %.

O índice principal, o FTSE-100, avanzou 233,77 puntos ata situarse en 7.913,25. Pola súa parte, o FTSE-250, que recolle empresas de capitalización media, incrementouse nun 3,50 %, o que supón 626,77 puntos máis, ata os 18.517,41.

A pesar da mellora deste xoves, o FTSE-250 segue lonxe de recuperar os niveis previos á inestabilidade xerada polos aranceis anunciados a comezos de mes. En concreto, acumula unha caída do 6,63 % respecto da semana pasada, reflexo da incerteza que aínda pesa sobre o contexto comercial internacional.

Zúric sobe un 3,28 % 

A Bolsa de Zúric pechou este xoves cunha suba do 3,28 %, unha alza máis moderada do previsto ao inicio da sesión, cando o mercado chegou a rebotar por riba do 8 % tras o anuncio dos Estados Unidos de pausar durante 90 días os aranceis a países que non aplican tarifas ao comercio estadounidense, entre eles Suíza.

O índice de referencia pechou en 11.244,59 puntos, 356,86 máis que o mércores. Con todo, esta recuperación só compensa parcialmente as perdas superiores ao 14 % rexistradas desde o pasado 2 de abril, cando Washington anunciou aranceis xerais contra máis de 60 economías.

Apertura con perdas en Wall Street

Logo do novo cambio de rumbo de Trump, Wall Street disparábase onte. Hoxe, tras ese espectacular rebote que levara ao Dow Jones a subir case un 8 %, abre en vermello, aínda que visto o de días pasado pódese falar de perdas moderadas. O Nasdaq perde un 3,8 % na apertura e o S&P 500 rexistra perdas do 3,1 %. O Dow Jones cae nun 2,4 %.

O prezo do barril de petróleo de calidade Brent, referencia para o Vello Continente, situase pouco por enriba dos 62 dólares, mentres que o Texas cae ata os 59 dólares.

No mercado das divisas, a cotización do euro fronte ao dólar colocábase en 1,11 billetes verdes, en tanto que no mercado de débeda, o interese esixido ao bono a 10 anos escalaba ata o 3,379 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade