As autoridades informan das primeiras mortes en Shanghai desde o inicio do confinamento extremo
A cidade máis grande da China, con 25 millóns de habitantes, afronta dende marzo un confinamento estrito para frear o primeiro gromo de covid–19
Milleiros de persoas contaxiadas foron enviadas pola forza a centros de confinamento, que en total suman xa máis de 90.000 camas dispoñibles
Dúas mulleres de 89 e 91 anos e un home, tamén de 91, son os primeiros falecidos en Shanghai dende que volveu a confinarse. A cidade máis grande da China, con 25 millóns de habitantes, afronta dende marzo un confinamento estrito para frear o primeiro gromo de covid–19 no país dende o inicio da pandemia.
O nivel de contaxios é relativamente baixo comparado con gromos noutras partes do mundo, e a maioría dos enfermos son asintomáticos, pero, aínda así, as autoridades manteñen a política de cero tolerancia fronte ao virus.
Milleiros de persoas contaxiadas foron enviadas pola forza a centros de confinamento, que en total suman xa máis de 90.000 camas dispoñibles. Algúns meniños mesmo son separados dos seus pais para facer a corentena nestes centros. As condicións sanitarias neles son, para moitos, máis preocupantes que o propio virus.
O descontento na rúa vai en aumento e algunhas persoas mesmo se negan a facer os tests. O que nun comezo ían ser catro días de confinamento segue prolongándose e moitos comezan a cuestionar a política de covid cero das autoridades.
O desabastecemento, sobre todo de alimentos frescos, leva días xerando pelexas nas rúas. Moitos supermercados deixaron de operar e as plataformas que reparten a domicilio están desbordadas.