As auditorías revelan perdas de ata o 70 % nalgunhas redes de abastecemento de auga

A nova normativa esixe reformas para controlar avarías, fugas ou enganches ilegais

O obxectivo é que as perdas non superen o 20 % 

As novas tecnoloxías posibilitan o control remoto da rede en todo momento

G24.gal 17/11/2023 14:23

Entre o volume de auga que entra nun depósito de abastecemento e o total que rexistran logo os contadores de consumo hai diferenzas moi substanciais. Pode superar nalgúns concellos o 70 % segundo revelan, por exemplo, as auditorías realizadas por Alfonso Fernández, da enxeñería Abante, na comarca das Terras de Lemos. Estes estudos estanse facendo en moitas redes públicas para adaptarse ás novas normativas que esixen unha xestión máis eficiente, e que non se sobrepasen perdas do 20 %. 

Setenta e sete concellos galegos realizaron xa esa auditoría que valora o estado das redes e as reformas que se precisan para mellorar resultados. É o caso de Sober onde renovaron parte das conducións máis antigas e colocaron contadores dixitais por zonas. Esta tecnoloxía en puntos clave da rede facilita a detección de fugas por avarías ou posibles enganches ilegais, porque permite levar un control máis preciso e localizado nunha rede que neste concello xa ten 70 quilómetros de conducións. 

Co que levan feito ate o de agora o nivel de perdas do que partían, un 44 %, está xa por baixo do 30 %. Agardan que o control remoto do servizo sexa aínda moito máis preciso e efectivo, cando se complete a dixitalización da rede, coa instalacións de contadores de telemedida nos fogares ou calquera outro punto de consumo. Alfonso Fernández calcula que estarán instalados nun prazo de tres anos.

Os contadores dixitais facilitan a detección de fugas e enganches irregulares Os contadores dixitais facilitan a detección de fugas e enganches irregulares
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar