Arranca o Congreso do PSOE pechando filas con Sánchez ante os casos xudiciais
Arranca o Congreso do PSOE pechando filas con Sánchez ante os casos xudiciais
Os socialistas buscan rearmarse para as eleccións de 2027 cun líder forte
O barón castelán manchego pide un congreso con autocrítica e non de entronización
Baixo o lema "España adianta pola esquerda" arrancou en Sevilla o Congreso Federal do PSOE que reelixirá a Pedro Sánchez como secretario xeral. A plana maior do socialismo quere consolidar o seu liderado e rearmarse para as citas electorais de 2027 cando haberá comicios xerais, autonómicos e municipais.
"Queremos unha España progresista e iso só depende do PSOE", aseguraba o expresidente Zapatero tras recoller un premio dos seus compañeiros por ser o impulsor das políticas de igualdade.
Na dirección socialista din estar tranquilos ante a ofensiva xudicial que ameazou a tranquilidade do Congreso. Atribúena a unha campaña orquestrada pola dereita sobre a que, din, acabará prevalendo a verdade.
"Temos un liderado forte que intentan manchar e desanimar. Non só atacándoo a el, senón ao seu entorno familiar de xeito vil", dixo o secretario de Organización, Santos Cerdán.
Pero tamén se escoitarán voces críticas, como a do barón de Castela-A Mancha. García-Page pide un congreso de autocrítica e non de resistencia e entronización do líder.
"Un congreso que non é de futuro, que só é de resistencia, pode ofrecer a imaxe de bunker. Sería preciso dedicarlle tempo a crítica e a autocrítica", afirmou García-Page.
"Polémica, ningunha. Pero debate haberá moito. Este é un partido que debate", replicaba a vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero.
Os socialistas galegos, con José Ramón Gómez Besteiro á fronte, incidirán na necesidade de mellorar o financiamento dos concellos e avanzar nas políticas de igualdade de xénero.
Agárdanse que do Congreso saian algúns cambios na executiva do PSOE, pero ningún no núcleo duro do secretario xeral.