Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aran o asfalto nunha estrada de Viana do Bolo

Aran o asfalto nunha estrada de Viana do Bolo

Unha sabotaxe na estrada de acceso á aldea da Servaínza, en Viana do Bolo, deixou practicamente incomunicados os veciños

Durante a noite, alguén arou uns trinta metros de asfalto

Agora só se pode pasar en tractor ou todo terreo

Estado en que quedou a estrada de Servaínza
G24.gal 29/07/2026 14:07

Así, arada coma se fose unha leira, quedou a estrada que leva á Servainza, en Viana do Bolo. Ocorreu na noite do luns para o martes, de madrugada sospeitan os veciños, que non atoparon a desfeita ata a mañá.

"Eu tomeino daquela maneira. Un veciño díxome que fora arado, non arranxado. E vin que si. Medino en pasos, e saíronme máis de 35 metros", di Manuel sotillo, veciño de Servaínza.

Na Servaínza viven cinco persoas e a estrada tamén lle dá servizo á aldea veciña de Mormentelos, que pertence a Vilariño de Conso. A situación actual obriga os turismos a daren un rodeo de case unha hora.

"Hai que rodear por Mormentelos, e alí malamente porque están de obras na rúa e hai pouco sitio para os coches", explica Manuel Sotillo.

"O que fixeron non se xustifica con nada, pero é certo que este treito está abandonado de sempre", engade José Hervella, taxista de Vilariño de Conso, natural de Mormentelos.

A estrada levaba tempo en mal estado. Sospeitan que o autor ou autores dos danos actuou movido pola carraxe.

"Xa había dous ou tres anos que se formou unha fochanca que non pasaban os coches pequenos. A xente quéntase e vai a polo que sexa". "Isto é do terceiro mundo. Cada vez vai a máis. Os coches pequenos estragan a suspensión, as rótulas, todo", comentan os veciños.

Desde o Concello de Viana do Bolo sinalan que as obras ían comezar esta mesma semana e que os veciños xa o sabían e lamentan o sucedido porque, segundo explica o alcalde, vai encarecer o arranxo e atrasar as obras. Desde o consistorio presentaron unha denuncia ante a Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos