Publicador de contidos

Publicador de contidos

Anxo Lorenzo: "Hai que reter eses lectores que na pandemia volveron ao libro"

Anxo Lorenzo: "Hai que reter eses lectores que na pandemia volveron ao libro"

O director xeral de Cultura segue a apostar polas feiras como estratexia fundamental de comercialización

Asegura que o plan de impulso ao libro galego tenta fomentar a creación e a edición de novos materiais

G24.gal 23/04/2023 11:08 Última actualización 23/04/2023 12:34

Neste 23 de abril, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembra a importancia do libro como "parte consubstancial da nosa vida". Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, subliña tamén o seu peso dentro da industria cultural.

"O libro é unha parte clave e no Día do Libro temos que lembrar esa importancia e animar as lectores a que continúen nesa tarefa de achegarse ás librerías, de adquirir libros e, polo tanto, ter un comportamento activo, moi proactivo, con respecto a esta actividade e a este sector".

Asegura que a situación do libro galego é "moi estable, igual ca no resto de España" e salienta o pulo que experimentou durante a pandemia, ao se converter "nun dos refuxios" da cidadanía "naqueles momentos complicados".

"A situación de facturación de vendas do sector tivo un comportamento bo, bastante mellor ca outros sectores que tiveron máis dificultades, e agora o reto é reter eses lectores que volveron acudir ao libro (...), poder fidelizalos e que continúen acudindo ás librerías, aos seus autores e autoras de referencia".

Respecto ao plan de impulso do libro galego, aprobado esta semana polo Consello da Xunta, explica que pretende "afondar un pouco no deseño dunha política de impulso á cultura en xeral". Lanzáronse once accións novas "para apoiar, en primeiro lugar, a creación dentro do sector".

"Ten que haber máis creación, máis creadores e para iso temos diferentes estratexias de apoio. Tamén na edición, sobre todo no caso dos novos materiais, xa hai diferentes liñas de axuda (...). Queremos afondar naqueles materiais onde se nota máis déficit, en especial no ámbito dixital, concretamente respecto dos audiolibros, tendo en conta que a lectura dixital ten xa un certo nivel de consolidación".

Aposta tamén pola proxección internacional e polas feiras do libro como "elemento de mediación cara ao público".

"Estar a pé de rúa, presentando as novidades e poder acceder a eses libros dende as feiras segue a ser unha estratexia de comercialización fundamental".

Do mesmo xeito, insiste no reforzo da rede de bibliotecas públicas como "aliada fundamental do sector", polo que ten de proxección, de imaxe e polas "políticas de compra".

Anxo Lorenzo nun momento da entrevista dende Ourense Anxo Lorenzo nun momento da entrevista dende Ourense
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos