Publicador de contidos

Publicador de contidos

Antonio Quinteiro reclámalle 2,8 millóns de euros á S. D. Compostela

Antonio Quinteiro reclámalle 2,8 millóns de euros á S. D. Compostela

Tamén anuncia que presentará “unha querela penal” contra a actual xunta directiva do club santiagués

G24.gal 14/12/2022 11:42 Última actualización 14/12/2022 11:48

O expresidente da S. D. Compostela, Antonio Quinteiro, presentará “unha querela penal” contra a actual xunta directiva do club santiagués, á que reclama 2,8 millóns de euros.

O empresario acusa aos actuais dirixentes de promover “unha estafa” coa “ocultación” da devandita débeda ao novo equipo investidor que ultima a súa entrada no club, liderado polo empresario Antonio Agrasar e no que participan os futbolistas Borja Iglesias e Esteban Granero.

Nunha carta remitida aos medios de comunicación, a cal vai acompañada do burofax que enviou o pasado 24 de novembro ás oficinas da S. D. Compostela, Quinteiro lembra que el é o propietario da marca S. D. Compostela, así como “o único acredor do club”.

“Á vista da negativa absolutamente inxustificada da actual directiva a facilitar documentación e información sobre os novos socios, así como en relación aos asuntos da orde do día da próxima asemblea, véxome obrigado a presentar unha querela penal contra a Xunta Directiva actual, así como contra calquera directivo ou socio futuro que persista na mesma actitude”, destaca.

Unha situación que vén provocada, subliña, polos posibles “delitos societarios” que puidesen cometer, os cales enumera:

“Abuso de posición dominante, administración desleal, falsidade e apropiación indebida das Marcas da miña propiedade”.

Quinteiro tamén acusa á actual xunta directiva de achegarlle unha acta que “difire do borrador no seu día remitido”, xa que non recolle, puntualiza, as súas manifestacións sobre “a situación contable e financeira e as cantidades que se me deben”.

Neste sentido, avanza que iniciará accións legais contra os directivos actuais e futuros, ao resultar todos eles estatutaria e legalmente responsables ao ser a S. D. Compostela legalmente unha asociación, “en reclamación das cantidades debidas por importe de 2.818.000 euros”.

O informe auditor externo solicitado polos sucesores de Quinteiro estimou que esa débeda era de 1.851.272,11 euros, cantidade que non acepta o expresidente:

“Amoso a miña inconformidade debido aos comprobantes que teño no meu poder e que poderei demostrar no futuro”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade