Publicador de contidos

Publicador de contidos

Anna Gabriel nega ante o xuíz que cometese desobediencia no 1-O

Anna Gabriel nega ante o xuíz que cometese desobediencia no 1-O

O Supremo comunicoulle formalmente o seu procesamento

G24.gal 14/09/2022 16:39

A exdeputada catalá da CUP Anna Gabriel, portavoz deste partido no Parlament na lexislatura do 1-O e fuxida en Suíza durante máis de catro anos, negou ante o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena que desobedecese ao Constitucional porque non recibiu ningún requirimento do tribunal.

Gabriel compareceu esta mañá ante Llarena para prestar a declaración indagatoria, na que se lle comunicou formalmente o seu procesamento por un delito de desobediencia, que non supón pena de prisión, senón de multa e inhabilitación para emprego ou cargo público de ata dous anos.

Fontes xurídicas informaron de que a exdeputada negou rotundamente que recibise un requirimento persoal do Tribunal Constitucional prohibindo determinadas cuestións no Parlament, polo que rexeita que cometese un delito de desobediencia.

Gabriel respondeu así á única pregunta que lle formulou a Fiscalía, porque se negou a responder á Avogacía do Estado e a Vox, que exerce a acusación popular.

Así as cousas, a comparecencia apenas durou 15 minutos e agora o maxistrado deberá ditar un auto de conclusión do sumario e remitir a causa á Sala Segunda do alto tribunal para revisar o procedemento, que previsiblemente acabará nun xulgado do penal de Cataluña, debido a que xa non é cargo público.

Á súa saída do Supremo, a exdeputada dixo que "os principios seguen intactos como non podería ser doutra maneira" e agradeceu o apoio "ás persoas solidarias que estiveron á beira de todas as persoas multadas, perseguidas" e que "nunca se tivo que producir a xudicialización".

Visiblemente emocionada porque "son 4 anos e medio lonxe de casa", Gabriel, que non ten previsto establecerse en Cataluña senón que continuará residindo en Suíza onde ten compromisos persoais e militantes, non quixo responder as preguntas os xornalistas e tan só limitouse a realizar unha breve declaración.

Como é habitual coas citacións de políticos independentistas, a exdeputada foi acompañada ata as portas do alto tribunal por simpatizantes e dirixentes soberanistas.

Entre eles o presidente de ERC, Oriol Junqueras, que quixo acompañala para manifestar "que ninguén debería comparecer ante este tribunal tendo en conta todas as resolucións adoptadas polos organismos internacionais".

O regreso de Gabriel, símbolo da esquerda independentista polo seu papel protagonista como cara visible da CUP no Parlament na lexislatura do referendo unilateral do 1 de outubro de 2017, colleu por sorpresa ás forzas políticas catalás, incluído ao propio Govern, que descoñecía os seus plans de regreso.

Gabriel, que fuxiu a Suíza en 2018 pouco antes de ser procesada, presentouse en xullo ante o Supremo para regularizar a súa situación acompañada do seu avogado Iñigo Iruin, o mesmo que defende á exconselleira Meritxell Serret, que hai un ano se converteu na primeira procesada no caso que regresaba a España para poñerse á disposición do tribunal despois de fuxir a Bélxica en 2018.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade