Amin continúa en estado de graza e dálle o triunfo ao Ourense C. F.
Triunfo pola mínima (1-0) do cadro ourensán no primeiro partido que xogou como local en Oira
O Ourense C. F. gañou na estrea como local no campo de Oira. Nun partido de pouco fútbol chegou un gol de Amin a vinte minutos para o final para darlle o triunfo.
No primeiro tempo viuse pouco fútbol nun encontro condicionado pola meteoroloxía. A auga que anegaba o sintético impediu que calquera dos equipos puidese facer un mellor fútbol. Andrada e Álex Gil foron os que o intentaron para o Ourense.
A segunda metade comezou cunha boa parada de Raúl Marqueta, que respondía do mellor xeito a un remate de Iván Elena. O Ourense agardou polo seu momento e chegou no 70, cando Facu Ballardo habilitou a Amin cun pase en profundidade que o dianteiro non desaproveitou. Gol de ouro que vale tres puntos importantes para comezar a temporada con tranquilidade.