Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ameaza e insulta os clientes dun bar de Lugo navalla en man

Ameaza e insulta os clientes dun bar de Lugo navalla en man

Un dos clientes díxolle á policía que o agresor, ao que non coñecía, se encarou con el e o ameazou de morte

Cando chegou a policía, lanzoulle a navalla a un empregado pedíndolle que a agochara

G24.gal 11/11/2026 14:02

Entrou no local navalla en man, co fío á vista, e comezou a berrar, sen escatimar en insultos e ameazas contra os clientes. En xeral. Non ía contra ninguén en concreto ata que a tomou cun deles. Segundo contou ese home, dirixiuse a el coa navalla e ameazou con matalo. Nin se coñecían. 
O agresor estaba fóra de si, nun alto estado de excitación e alteración, como resalta o parte da Policía Local. Non saben á conta de que. Quen puido, fuxiu. 

Calmou cando viu chegar a policía. Antes de que baixaran do coche, tiroulle a navalla a un empregado e pediulle que a agochara. Os axentes reducírono. Ademais da navalla, levaba un bastón dos que usan os patriarcas xitanos. 

"Había aí moita movida, con varios coches da policía local e un señor sentado no céspede", confirma unha veciña que non quere amosar a cara.

Coñecíano, pero pouco. Algunha vez estivera no local, pero non é un habitual. A súa familia si. Por iso, o mutismo é total. Por respecto e tamén por evitar conflitos. 

"Esta é unha zona de paseo, moi tranquila. Nunca vin altercados nin movidas", engade a muller.

Este domingo rompeu esa calma que hai na zona e, en concreto, no bar. O altercado coincidía con outra agresión similar nun bar de Ferrol, onde un cliente lle cortou a orella a outro por defender a camareira. Por sorte, en Lugo quedou en susto, pero aínda o levan no corpo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade