Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda será presidente da Xunta o 14 de maio: "Intentarei facer o mellor Goberno posible"

Rueda será presidente da Xunta o 14 de maio: "Intentarei facer o mellor Goberno posible"

Afirma que formará o executivo sen atender a cuestións territoriais

O DOG publica este sábado o cesamento a petición propia de Alberto Núñez Feijóo

G24.gal 30/04/2022 19:38

O próximo 14 de maio, Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o cesamento a petición propia de Alberto Núñez Feijóo, que seguirá en funcións ata que se celebre o debate de investidura. Rueda asegura que intentará formar o mellor Goberno posible.

O Diario Oficial de Galicia publicou este sábado o cesamento de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Con el cesa todo o Goberno, que queda en funcións e cunha capacidade de actuación moi limitada, ata que o novo presidente tome posesión do seu cargo. Será o 14 de maio. 

"Ábrense dúas semanas intensas para min e intentarei afrontalas igual que todo este proceso, primeiro pensando que hai que seguir gobernando, e este é un Goberno en funcións pero é un Goberno, e hai que seguir gobernando todos os días, que para iso nos puxeron alí"

Esta próxima semana, o presidente do Parlamento contactará cos voceiros dos distintos grupos antes de propoñer o nome do candidato a presidente do Goberno. O debate de investidura celebrarase en dúas xornadas, o 10 e o 12 de maio. Non haberá sorpresas. A maioría absoluta do PP garante a elección de Alfonso Rueda.

"Eu vou intentar facer o mellor Goberno posible, ao final, é un Goberno de toda Galicia, e gustaríame que toda Galicia se sinta reflectida, pero creo que o criterio ten que ser ter as mellores persoas formando Goberno con independencia do seu territorio"

O xa expresidente da Xunta e presidente nacional do PP dimitirá tamén como deputado tras votar polo seu sucesor no pleno da investidura, e non descarta ocupar un dos escanos por designación autonómica do Senado. E Rueda asumirá, a semana seguinte, o 22 de maio, a presidencia do Partido Popular de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos